InicioEconomíaMilleiros de persoas reclaman a intervención de Alcoa en Lugo: "non imos...

Milleiros de persoas reclaman a intervención de Alcoa en Lugo: “non imos rompernos nunca”

Os obreiros deixaron ante a subdelegación do Goberno central a solicitude da expropiación da planta de aluminio, sobre a que pesa un ERE que suporía máis de 900 despedimentos

Publicada o

- Advertisement -

Ramón González Rey/EFE. Milleiros de persoas reclamaron este sábado en Lugo unha intervención pública da planta de aluminio primario que Alcoa ten en San Cibrao, co fin último de garantir a produción no complexo industrial e evitar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar a multinacional, que deixaría a 524 traballadores do persoal na rúa e a varios centos das empresas auxiliares.

A manifestación partía da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo e, tras percorrer un tramo da Rolda da Muralla, subía á Praza de Santo Domingo, pasaba pola de San Marcos e descendía pola rúa Montevideo e a Rúa Nova ata a Praza de Armanyá, onde esta a sé da Subdelegación do Goberno.

DA SÉ DA XUNTA Á DO GOBERNO

Durante a manifestación volveron escoitarse consignas a favor da aprobación por parte do Goberno dun estatuto que regule o funcionamento das industrias electrointensivas e fixe un prezo competitivo para a enerxía, así como a intervención da fábrica de San Cibrao para evitar que Alcoa apague as cubas de electrólise, dado que iso suporía a morte da fábrica.

“Se non hai solución, Goberno dimisión”, foi un dos berros máis repetidos durante a manifestación, así como consignas a favor de que a Xunta de Galicia apoie esa decisión, que os traballadores consideran crucial para salvar o complexo.

Tamén se escoitaron os habituais ‘As cubas non se paran‘, ‘A Mariña sálvase loitando‘, ‘Enerxía solución‘, ‘A solución, unha intervención‘ ou ‘Sen industria non hai futuro‘.

DEIXARON A SOLICITUDE DE INTERVENCIÓN POR DEBAIXO DA PORTA

Na sé da Subdelegación do Goberno, que estaba pechada, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, meteu por baixo da porta, de “forma simbólica”, a solicitude de intervención da planta.

“Imos presentar simbolicamente o que xa mandamos o luns. E digo simbolicamente, porque non estamos para esperar seis días para pedir unha intervención. E como criamos que era necesario facelo o luns, o luns xa mandamos os papeis ao Ministerio de Industria, ao de Transición Ecolóxica, á Xunta de Galicia e á Subdelegación do Goberno”, dixo Zan.

“Hoxe non quixeron estar aquí, porque podían estar aquí para recibir o papel, así que llo imos a meter por baixo da porta”, lamentou.

“NON QUEDA MÁIS SAÍDA QUE A EXPROPIACIÓN”

Pola súa banda, o representante da CIG no comité de empresa, Xosé Paleo, recordou ao “Goberno e á Xunta de Galicia” que os traballadores, tanto da planta de aluminio como da de alúmina e das industrias auxiliares, levan “cinco meses loitando, todos xuntos”, do mesmo xeito que o comité, que se mantivo unido desde o principio.

“E non imos rompernos nunca, imos ir ata o final, ata onde faga falta”, engadiu.

Paleo dixo que “antes do amencer é cando a noite está máis escura e fai máis frío” e “agora” os traballadores de Alcoa na Mariña están afrontado “ese momento”, pero dixo que se seguen “loitando”, acabará por “chegar o día” e a “solución”.

Na mesma liña, insistiu en que “non queda máis saída agora mesmo que a expropiación, porque Alcoa “rompeu a negociación” para unha venda da planta e hai que “presionar aos gobernos para que dean o paso xa”.

“Teñen que expropiar xa. Sexa para quedarse con ela ou para vendela. Teñen que dar unha saída”, concluíu.

Pola súa banda, o representante de UGT Diego Ballesteros agradeceu a presenza de decenas de veciños da Mariña que se desprazaron a Lugo. “Sentimos o voso apoio, grazas de corazón”, sinalou.

“ESTAMOS PRETO DA SOLUCIÓN”

Zan dixo que “estamos preto da solución”, xa que “nunca, desde os tempos de Rumasa, unha ministra falara de expropiación”, pero tamén recordou que é necesario que, “dunha vez”, as palabras se transformen en feitos.

QUEIMA DOS BONECOS

A manifestación de Alcoa terminou coa queima ante a Subdelegación do Goberno de Lugo de varios bonecos coa cara dos políticos que teñen na súa man tomar as decisións e tamén dos directivos da multinacional norteamericana. Tamén se tiraron ao lume camisolas ou toallas co logo de Alcoa.

Mentres, centos de traballadores golpeaban os seus cascos de traballo contra o chan da Praza de Armanyá, o presidente do comité de empresa recordaba: “Si Alcoa pecha, queimámonos todos”.

REGO: “NON PODEMOS FIAR A SOLUCIÓN AOS XULGADOS”

A protesta contou con representantes de todos os partidos políticos. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirmou que “nós sempre dixemos que os intereses dunha multinacional norteamericana non poden estar por encima do interese colectivo do pobo galego e dos veciños da Mariña, especialmente dos traballadores”, expresou, en declaracións aos medios.

O deputado nacionalista avanzou que o Bloque continuará esixindo “cada vez con máis firmeza” a Xunta e Goberno estatal que “actúen con maior decisión”, aínda que sexa cunha “intervención pública temporal” para logo vender a planta “a Liberty House ou a calquera empresa que garanta un proxecto industrial de futuro na comarca”. “Non podemos fiar a solución disto a unha resolución xudicial. Ten que ser unha solución política das administracións competentes”, incidiu Rego.

QUIROGA (PSdeG) CRITICA A “CHANTAXE” DE ALCOA”

Así mesmo, acudiu á protesta o secretario de Organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, quen advertiu que os socialistas estarán en fronte da “chantaxe” de Alcoa por quererse “ir ‘de rositas’ tras recibir cantidades inxentes, millonarias, por parte do Goberno”.

CANDIA ASEGURA QUE A XUNTA PEDIRÁ A INTERVENCIÓN “COMO TEN COMPROMETIDO”

Representantes do PP da provincia de Lugo que preside Elena Candia tamén apoiaron a reivindicación, defendendo que “a mellor opción para a planta de San Cibrao é que Alcoa acepte vender”; pero se a multinacional non recapacita e insiste na paralización das cubas, “a Xunta pedirá ao Goberno a súa intervención temporal tal e como se ten comprometido”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...