A subdelegada do Goberno central, Isabel Rodríguez, anunciou este luns a través dun comunicado de empresa a convocatoria da mesa multilateral polo futuro da planta de aluminio de San Cibrao. A cita entre Executivo estatal, Xunta de Galicia, comité de empresa e sindicatos -non se concreta se tamén a Alcoa– celebrarase o vindeiro luns, 16 de novembro, de xeito telemático e ás 18.00 horas.
A convocatoria da mesa algo máis dun mes despois da última reunión, o 6 de outubro, e logo de que o comité de empresa de Alcoa responsabilizase á multinacional e ás Administracións do “bloqueo” do conflito laboral, ofrecéndose a relaxar ou mesmo desconvocar a folga indefinida se a compañía retira o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pesa sobre a fábrica, e se compromete a negociar unha venda. Os sindicatos reclamaban desde hai semanas a cita das partes.
A subdelegada afirmou que o Goberno de España “segue traballando para buscar unha solución” que permita manter a produción e evitar a aplicación do despedimento colectivo que podería deixar na rúa a 524 traballadores da fábrica e a 400 empregados da industria auxiliar.
“Como o leva demostrando” desde o principio, argumentou Rodríguez, o “Goberno está coa Mariña e cos traballadores de Alcoa”.