InicioEconomíaObreiros da Mariña únense ás miles de persoas que claman na Coruña...

Obreiros da Mariña únense ás miles de persoas que claman na Coruña contra o peche de Alcoa

Publicada o

- Advertisement -

Miles de persoas, entre elas obreiros da planta de San Cibrao, manifestáronse este sábado na Coruña contra o peche das fábricas de Alcoa na cidade herculina e en Avilés, que a multinacional do aluminio anunciou o pasado 17 de outubro.

Os manifestantes esixiron a retirada dos ERE de extinción presentados pola empresa, que suporían o despedimento de 317 persoas en Asturias e 369 na Coruña, ademais da destrución de postos de emprego indirectos.

O presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, reiterou que as plantas avilesina e coruñesa son produtivas “máis alá do que manipula a empresa”, e esixiu a retirada dos despedimentos colectivos, porque “non se pode impoñer esta solución sen unha negociación”.

Con pancartas como ‘estabilidade enerxética, futuro para a industria‘, ‘non ao desmantelamento da industria‘ ou ‘peche non, enerxía solución‘, os obreiros partiron desde a Praza da Palloza para concluír o acto na delegación do Goberno central.

MOBILIZACIÓNS

Os obreiros de Alcoa perfilaron un calendario de protestas para defender os seus postos de traballo. De 8.00 a 20.30 horas manterán catro quendas de concentracións permanentes diante da fábrica coruñesa. Ás 17.00 horas, de luns a xoves, haberá xuntanzas en sinal de protesta pola decisión da multinacional.

O domingo, desde as 12.00 horas, os traballadores foron convidados a realizar o saque de honra no partido de fútbol Atlético Arteixo-Noia.

O 29 de outubro realizarán unha marcha en roupa de traballo desde a fábrica ata a delegación do Executivo. 

Obreiros, sindicalistas e representantes políticos, durante a protesta. AXM

O 8 DE NOVEMBRO, EN AVILÉS

Para o 8 de novembro está prevista unha manifestación en Avilés. Antes, o 31 de outubro, empresa e representantes dos traballadores iniciarán as negociacións dos despedimentos colectivos.

APOIOS

Os traballadores da Coruña e Avilés e as súas familias non estiveron sós nas súas reivindicacións. Centos de coruñeses, operarios de San Cibrao, así como de representantes de PP, PSdeG, En Marea e BNG, reivindicaron o mantemento das fábricas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...