InicioEconomíaO comité urxe o Goberno a iniciar os trámites para a intervención:...

O comité urxe o Goberno a iniciar os trámites para a intervención: “Alcoa non dá mostras de ir para atrás”

Os sindicatos reclaman ao Executivo que declare "estratéxico" o sector do aluminio primario como paso previo para unhaexpropiación se a multinacional rexeita negociar a venda

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao pronunciouse a través dun comunicado en vídeo sobre a mesa multilateral telemática celebrada este luns para abordar o futuro da planta de aluminio, un foro no que a multinacional rexeitou o ofrecemento do Goberno central de renegociar unha venda da fábrica á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

A proposición do Executivo central consistía, segundo concretaron os sindicatos, en retomar “punto por punto” a negociación coa SEPI rota na noite do pasado día 27 de setembro, cando rematou a prórroga do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado por Alcoa, un prazo acordado por empresa e representación dos traballadores para abordar a venda da fábrica á siderúrxica británica Liberty House. A propietaria das instalacións levantou da mesa e continuou a folla de ruta do despedimento colectivo -que afectaría a máis de 900 empregados entre a factoría e a industria auxiliar- sendo acusada tanto polos obreiros como polas Administracións de “mala fe” negociadora.

OS OBREIROS DIN QUE SEGUIRÁN “FIRMES”: “OU VENDA OU INTERVENCIÓN”

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, confirmou que o Executivo central ofreceu “buscar unha saída” ao conflito laboral “vía negociación”, unha oferta que a compañía estadounidense rexeitou alegando que “non cambiou nada o escenario” no que decidiu o despedimento colectivo. Segundo o sindicalista, o Executivo central “seguirá coa man tendida” ata “o 3 de decembro”, día no que se celebrará o xuízo pola impugnación do despedimento colectivo.

Neste contexto, a representación dos traballadores urxe ao Goberno a declarar o aluminio primario, cuxa planta de San Cibrao é a única existente en España, como “sector estratéxico“, medida que sería o punto de partida para “un expediente de intervención ou expropiación da empresa, porque Alcoa non dá mostras de ir para atrás”.

“O Goberno reclamounos”, argumentou Zan para apoiar a mencionada declaración, “que nun contexto de folga indefinida no complexo industrial, coa retención do produto, permitiramos “deixar saír material ao sector da extrusión“.

“Cremos que Alcoa debe aceptar” o ofrecemento do Executivo, afirmou o comité, que concretou que “de non aceptalo, está abocando á Mariña Lucense a ir a xogarse a vida a un xuízo, e a eles a volver comezar, a retornar ao 28 de maio (en alusión ao día que a multinacional comunicou a súa intención de executar o ERE). Eles perden diñeiro pola folga e o único que gaña aquí é Garrigues“, que exerce a representación legal da compañía, sostivo.

“Nos non nos imos mover, seguiremos firmes; Alcoa debe sentar negociar, e se non o fai o Goberno central e a Xunta de Galicia teñen que cumprir esa intervención que tanto prometen”, concluíu Zan.

A CIG: “A ÚNICA SAÍDA É A NACIONALIZACIÓN E SE HAI PECHE AS ADMINISTRACIÓNS SERÁN RESPONSABLES”

A CIG tamén expuxo a súa visión do encontro. O sindicato nacionalista lamenta que “o Goberno non concretou os pasos a dar para efectivizar a intervención nin, en caso contrario, que alternativa traballa no curto prazo para garantir a produción e os empregos na fábrica de San Cibrao”. Diante desta “inacción“, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirmou que “a Xunta e o Executivo español “débennos esta actuación, pois calquera resultado que acabe en peche e despedimentos será tanto responsabilidade de Alcoa como de ambas Administracións“.

Considera Carril que habería unha “responsabilidade directa” de Alcoa “pero tamén dos Gobernos por omisión, por pasividade, por non intervir e non expropiar, cando a día de hoxe esta é a única opción real para dar continuidade á actividade industrial e aos postos de traballo”, aseverou. Nesta liña, demandou dos representantes políticos que “fagan real” esa proposta de mediación que o comité asumiu a principios de agosto, mais da que Alcoa se descolgou ao negarse a unha venda negociada tanto con GFG Alliance como coa SEPI. Ten que haber unha intervención e unha expropiación para que non se repita o que está acontecendo nas fábricas da Coruña e Avilés. Iso non o imos consentir”, afirmou.

ALCOA BUSCA “O CONFLITO PERMANENTE”, SOSTÉN A CENTRAL NACIONALISTA

“Alcoa ten máis que demostrada a súa nula vontade de acadar unha solución de futuro”, proseguiu, asegurando que busca “unha situación de conflito permanente” despois de recorrer ao auto de medidas cautelares que lle impide parar as cubas de electrólise; tamén se negou, lembra Carril, a “aceptar o ofrecemento feito polo comité de levantar a folga a cambio de negociar unha saída de continuidade industrial“.

Diante disto, afirmou Carril, “a saída está na nacionalización da planta, mediante unha expropiación ou outra fórmula, e ten que facerse efectiva antes do 31 de marzo, que é o prazo límite marcado pola propia empresa para executar os despedimentos e a parada das cubas. Esa sería a única resposta, perfectamente viable e legal, ao nivel do esforzo que están realizando os traballadores e traballadoras”, subliñou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...