InicioEconomíaO comité ofrece "paz social" se Alcoa negocia con Xunta e Estado...

O comité ofrece “paz social” se Alcoa negocia con Xunta e Estado a venda e retira o ERE

Os sindicatos están dispostos a relaxar ou retirar a folga, que supón perdas de 50 millóns mensuais, por unha solución negociada; de negarse a empresa, reclaman a intervención

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao anunciou este luns, a través dunha rolda de prensa, a súa disposición a relaxar as condicións da folga indefinida que está a manter no complexo industrial de Cervo se os Gobernos da Xunta de Galicia e do Estado e maila multinacional, co presidente, Roy Harvey, á fronte, acceden a negociar de novo unha venda da planta de aluminio e retirar o expediente de regulación de emprego (ERE) presentado pola compañía.

Os traballadores aseguran que o paro está a provocar perdas de 50 millóns de euros mensuais á empresa e ofrecen estudar unha rectificación das medidas sindicais adoptadas para unha solución negociada ao despedimento colectivo. Os sindicatos anunciaron tamén que tramitaron a impugnación do ERE, que afectaría a 524 obreiros da fábrica e a outros alomenos 400 da industria auxiliar.

RESPONSABILIZA A EMPRESA E ADMINISTRACIÓNS DO “BLOQUEO” DO CONFLITO LABORAL

“Ofrecemos paz social a cambio dun desbloqueo da situación actual, da que facemos responsables tanto a Alcoa coma aos Gobernos do Estado e da Xunta, porque no último mes non houbo ningún movemento”, expuxo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (CC OO), aos medios de comunicación. Despois de que fracasase unha negociación da venda da planta a Liberty House, na que a propietaria das instalacións rexeitou unha oferta da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), e de que o Goberno central executase a intervención reclamada polos traballadores, o conflito laboral parece abocarse aos xulgados, o que para os sindicatos é “inadmisible”.

A MESA MULTILATERAL, POR CONVOCAR

Zan lembra que o Goberno central non convocou a mesa multilateral polo futuro da planta “cando hai un mes que a prometeu. Seguimos esperando por ela, o que é vergoñento”. Deste xeito, insistiu en que a solución ao despedimento colectivo é a un posible peche da única fábrica de aluminio primario estatal “pasa por unha decisión política. Non pode ser que a loita por evitar os despedimentos se reduza á folga dos traballadores e aos xulgados”.

Deste xeito, insta ao Goberno a dirixirse a Harvey, “que foi xefe desta planta e é a persoa indicada” e “perdimos a nosa confianza nos actuais interlocutores“, para que Alcoa negocie. De negarse, reclamaron “a intervención” da planta, como “aprobaron o Parlamento de Galicia e o Congreso dos Deputados“. Ademais, esixe á Xunta de Galicia “un plan para investir e actualizar na fábrica, para que o investidor confirme o seu interese na compra”.

ALCOA DEBE DECIDIR “SE QUERE TER A FINAL DE ANO 150 MILLÓNS RETIDOS EN PLANTA”

“Sabemos que (o paro) está a afectar moito e queremos axudar con esta proposta que facemos. Estamos dispostos a deixar de ser un lastre para a industria do metal tanto en España como en Europa, pero necesitamos que Xunta e Goberno se involucren”, indicou o comité, que engadiu que “precisamos que Alcoa se comprometa en serio coa solución a esta problemática”.

“Temos unha guerra sindical con Alcoa que está repercutindo en empresas do sector de Sabiñánigo, Amorebieta, Alacante, ou de extrusión de Galicia, pero afectando tamén en clientes de Holanda, Alemaña ou Francia. A empresa pode acabar a final de ano con 150 millóns retidos en planta. Ofrecemos unha saída para todos, para a comarca da Mariña e tamén para a multinacional, se por unha vez se senta”, explicou Zan.

O comité formulou esta proposta diante dos medios de comunicación “ante a ausencia dun foro” oficial no que presentala, en alusión á falla dunha mesa multilateral, e criticou as “promesas incumpridas, mentiras e traicións” ao cadro de persoal tras máis dun mes de espera pola súa convocatoria.

TRAMITADA A IMPUGNACIÓN DO ERE

O sindicalista informou, ademais, de que o pasado venres se presentou a reclamación do despedimento colectivo”, isto é, a impugnación do ERE, que “fai efectiva a cautelar” do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que impide á compañía parar as cubas de electrólise.

Desde o comité informaron que non teñen constancia de ningunha carta de despedimento por parte de Alcoa, que por agora non confirmou se recorrerá ás medidas cautelares adoptadas en parte polo TSXG.

PALEO (CIG): “É UNHA IRRESPONSABILIDADE HISTÓRICA” QUE XUNTA E GOBERNO “NON ACTUASEN XA”

O voceiro da CIG no comité, Xosé Paleo, lembrou que tanto un laudo arbitral como o propio auto das medidas cautelares para evitar o despedimento colectivo “dan a razón aos traballadores”, e considerou “unha irresponsabilidade histórica” que as Administracións non actuasen xa “para intervir e garantir que non se paren as cubas e para lexislar un estatuto das electrointensivas que amañe a desfeita que supuxo a privatización das eléctricas por parte do Executivo do PP”. O documento leva comprometido pero sen aprobación case dous anos polo Goberno central socialista -primeiro- e bipartito -despois-. De non actuar Xunta e Estado “urxentemente”, en risco está, asegurou, “unha catástrofe industrial, a maior da historia recente da Mariña, en plena crise da Covid-19. A pandemia está a supoñer unha contención do gasto na comarca que se agravaría de executarse os despedimentos”, valorou.

O sindicato nacionalista instou o Goberno a “dar os pasos para unha intervención”, o que podería supoñer “que Alcoa se sente para negociar unha venda”.

BALLESTEROS (UGT): “ALCOA DEBE NEGOCIAR DE BOA FE”

O voceiro de UGT no comité, Diego Ballesteros, agradeceu “o esforzo e o compromiso” tanto do persoal como da comarca da Mariña na loita polo emprego. O sindicalista reclamou que é o momento de que “Alcoa negocie de boa fe, e en serio, e non deixando pasar os días”, unha venda da planta de aluminio. Ademais, reclamou ás Administracións “solucións”, porque aínda que o auto das medidas cautelares “fixo o que non foi capaz de facer o lexislador, non é definitivo e necesitamos que as Administracións deixen de eludirnos e ben obriguen a Alcoa a vender ben intervir”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...