O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao celebrará o vindeiro luns a primeira mobilización contra o peche das fábricas da Coruña e Avilés, anunciado pola multinacional do aluminio o pasado 17 de outubro.
Os traballadores realizarán unha marcha desde San Cibrao ata Burela para reclamar ás administracións un “prezo da enerxía xusto”.
A marcha sairá ás 9.30 horas desde a ponte da ría de San Cibrao e os participantes camiñarán ata a Praza do Concello burelesa.
PROPOSTAS
Unha vez na praza, o comité entregará aos representantes políticos un documento no que presentará propostas para garantir a continuidade “dos postos de traballo da industria electrointensiva”.
os sindicatos presentarán aos grupos políticos proposicións para garantir os postos de traballo
O presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, non avanza polo de agora o contido do documento, aínda que os traballadores farán fincapé na necesidade de abaratar a tarifa eléctrica da empresa.
ABERTA AOS VECIÑOS
Aínda que, en principio, será o comité -e os traballadores que o desexen- quenes marchen cara Burela, Paleo indica que “a mobilización está aberta a todos os veciños que queiran respaldar aos obreiros”.
PROTESTAS NA CORUÑA E AVILÉS
A protesta coincidirá no calendario, aínda que non no tempo, coa marcha que realizarán os traballadores da Coruña. Ese mesmo luns, desde as 17.30 horas, os operarios camiñarán desde a fábrica á delegación do Goberno central, vestidos coas súas roupas de traballo.
Os traballadores de San Cibrao tamén participarán na manifestación convocada en Avilés para o día 8 de novembro.
SEN DATA PARA O ENCONTRO COA DIRECCIÓN
O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao solicitou unha reunión co director da planta sancibrense e presidente da multinacional en España, Rubén Bartolomé.
os obreiros de san cibrao esperan reunirse co director da planta “esta semana ou a principios da que vén”
Por agora, os traballadores non teñen data para o encontro, aínda que agardan que poda celebrarse “a finais desta semana ou a principios da que vén”. Os obreiros queren máis información sobre os despedimentos colectivos anunciados e saber cal é a situación de San Cibrao.
REUNIÓN EN MADRID
Na tarde deste martes, representantes de Alcoa, dos sindicatos, da Xunta de Galicia e do Principado de Asturias, estaban citados polo Goberno central para unha reunión en Madrid, da que polo de agora non trascenderon novidades.
O conselleiro de economía, Francisco Conde, comparecerá este mércores ante os medios para ofrecer a visión do Executivo galego.
O VINDEIRO XOVES, COMITÉ EUROPEO E DIRECCIÓN DA EMPRESA REUNIRANSE EN MADRID
Para o vindeiro xoves, pola mañá, está prevista unha reunión do comité europeo coa dirección de Alcoa.
O 31 de outubro constituirase a mesa de negociación do conflito laboral. A partir de entón, os traballadores terán un prazo de 30 días para tentar que Alcoa retire os ERE de extinción anunciados.
UNIDADE NO PARLAMENTO GALEGO
Por outra banda, o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha petición para que Alcoa “reconsidere” o peche das fábricas.
A CÁMARA GALEGA SOLICITA AO GOBERNO QUE COMPENSE Á INDUSTRIA ELECTROINTENSIVA VINCULANDO AXUDAS AO EMPREGO
COMPENSACIÓNS
A Cámara tamén reclama ao Goberno central que aplique antes de final de ano as axudas de compensación previstas na lei para o ano 2018, cun importe de 150 millóns, sempre e cando estean ligadas ao mantemento dos 317 e 369 postos de traballo de Avilés e A Coruña, respectivamente.
Os parlamentarios solicitan que para o ano 2019 e seguintes se implante un novo rexime de compensación por custos adicionais incluídos no prezo da electricidade para as empresas electrointensivas.