PP e PSdeG fixeron este luns un balance contraposto do proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2021 no tocante á Mariña Lucense.
Entre as partidas proxectadas polo Goberno autonómico están 5,4 millóns para a Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte, das que metade dos cartos previstos estarían destinados a obras na provincia da Coruña e 2,7 á parte lucense da infraestrutura, incluíndo nese orzamento o estudo informativo da variante de Viveiro e melloras na LU-540.
No tocante a Augas de Galicia, prevé destinar 2,79 millóns de euros a conquerir o tan agardado -desde hai unha década- saneamento da ría de Celeiro e ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Viveiro, ademais doutros 2,58 millóns á mellora do tratamento da EDAR.
A nova depuradora de Foz, que se ubicará na zona de Forxán, terá reservados 2,57 millóns, mentres que para a de Burela, cun orzamento previsto de nove millóns, o gasto previsto é de 369.000 euros. A Xunta reserva tamén 252.000 euros ás actuacións necesarias para reducir o risco de inundacións no barrio viveirense de Xunqueira.
Non se destina orzamento ao proxecto de reparación da traída en Ribadeo e Trabada, despois de que a Xunta licitase en xaneiro a revisión do plan de 2011, cun investimento estimado na obra superior aos cinco millóns.
300.000 EUROS PARA O PLAN DIRECTOR DO HOSPITAL
No tocante ao Hospital Público da Mariña, o gasto previsto será de 300.000 euros para o Plan Director.
Portos de Galicia, finalmente, destina 250.000 euros a un pantalán para embarcacións menores en Celeiro, outros 100.00 para o arranxo da nave de arrastre e náutico-pesqueira en Celeiro, 198.000 euros para a mellora da nave de redes de Burela e 30.000 euros para o contradique e pantaláns en Morás. Terá que esperar, en principio, outra obra insistentemente demandada na Mariña, como é a dragaxe de Porto Chico, en Foz, onde a falta de calado e abrigo afecta a embarcacións deportivas, pero tamén a zodiacs de salvamento e a barcos profesionais.
O PP VALORA O “COMPROMISO” DAS CONTAS CON FOZ E VIVEIRO
O voceiro do PP en Foz, Javier Castiñeira, expresou a “satisfacción” dos conservadores “porque nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2021 se recolle unha partida de máis de 2,5 millóns de euros para o inicio da construción da depuradora de augas residuais de Foz, na Granda de Forxán, entre Forxán e Fazouro”.
“Con eses 2,5 millóns de euros entendemos que o ano 2021 debe ser o ano do inicio da depuradora, o que é moi boa nova para Foz e para solucionar os problemas de depuración que ten esta localidade”, xulgou.
O voceiro do PP viveirense, Óscar Rodríguez, sostén pola súa banda que “queda de manifesto o compromiso da Xunta co municipio de Viveiro”, destacando como “especialmente relevante” o investimento programado na LU-540, entre Viveiro e Cabreiros, “dado que é a principal vía de comunicación da Cidade do Landro coa capital lucense e a Meseta”.
O PSdeG: “POÑEN AS MESMAS CIFRAS, PERO A REALIDADE É QUE AS OBRAS SEGUEN SEN EXECUTAR”
A secretaria provincial e deputada autonómica do PSdeG, Patricia Otero, criticou que as obras da EDAR de Burela, “unha infraestrutura prometida xa no ano 2015, conta cunha previsión orzamentaria de 369.000 euros, que pon en serio risco a perda dos fondos europeos existentes”.
No tocante á VAC Costa Norte, sinalou que “levan poñendo as mesmas cifras ano tras ano nos orzamentos. Pero a única realidade a día de hoxe é que segue sen executar”, denuncia Otero.