Traballadores de Alcoa, acompañados polos seus familiares, asistirán este sábado ao velorio pola morte da fábrica de aluminio primario de San Cibrao, nunha nova mobilización convocada polo comité de empresa para chamar a atención sobre a difícil situación que están vivindo os 524 empregados incluídos no Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que pretende aplicar a multinacional e os arredor de 400 operarios das empresas auxiliares que poderían verse tamén afectados.
O velorio, que terá lugar mañá sábado, día 28 de novembro, comezará ás 19.30 horas na mesma entrada da fábrica, onde os traballadores manteñen o seu campamento para evitar a saída de aluminio do complexo industrial desde o inicio da folga indefinida. Este venres, os obreiros cubriron de cruces de madeira o acceso principal, simulando un cemiterio que simboliza o impacto que tería o peche da planta na comarca da Mariña.
Os traballadores levarán os seus cascos de traballo, con luces frontais, e tanto eles como os seus familiares portarán cruces e cirios. O comité tamén fai un chamamento para que se respecten de forma escrupulosa todas as medidas de prevención fronte á Covid-19, principalmente o uso de máscara en todo momento e manter a distancia interpersoal para reducir riscos.
1.000 CRUCES “POR TODA GALICIA”
O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, expuxo que colocarán “unhas 1.000 cruces en toda a provincia de Lugo e en Galicia enteira” nos “sitios que máis impacto visual teñan”, a fin de lembrar “que seguimos en loita, pelexando polos nosos postos de traballo e polo futuro da Mariña lucense”. Os obreiros instalarán a cheminea elaborada por Adra Pallón e Primo de Banksy e tamén o monólito que no seu día inaugurou o rei Xoán Carlos I, “para que todo o mundo vexa o que o seu fillo, Felipe VI, está permitindo coa industria deste país”.
SEN AVANCES NAS NEGOCIACIÓNS ENTRE A MULTINACIONAL E AS ADMINISTRACIÓNS
Zan lamentou que “ultimamente o Goberno central non ten con nós ningunha comunicación” e que a Xunta de Galicia “di que Alcoa está moi enrocada na súa posición. Seguen tentar a negociar coa multinacional, pero necesitamos algo máis que unha interlocución, necesitamos unha decisión política. Teñen que decidir se queremos fabricar aluminio primario en España ou non; necesitamos accións”, insistiu.
OS SINDICATOS CREN QUE ALCOA “NON TEN ARGUMENTOS” PARA XUSTIFICAR NO XUÍZO O DESPEDIMENTO COLECTIVO
Sobre o xuízo do despedimento colectivo, que se celebrará o día 3 de decembro, afirmou que “todos sabemos que o prezo do aluminio está marcando máximos con respecto dos últimos tres anos e tamén que a enerxía actualmente non é un problema por mor da Covid-19. A planta de aluminio non perde diñeiro, co cal a multinacional ten moi difícil argumentar iso nos xulgados, cando todos os parámetros nos que se basea son de maio”. Así, desexou “que os xuíces paren os pés a Alcoa, porque non é de xustiza que unha compañía que non perde diñeiro faga o que lle dea a gana coa industria dun país, por unha decisión dun tipo de Pittsburgh que quita unha chincheta para poñer outra”.
40.000 TONELADAS DE ALUMINIO RETIDAS
Respecto da folga indefinida, os traballadores calculan que permanecen retidas no complexo industrial 40.000 toneladas de aluminio desde o inicio do paro. “Saen unhas 550 toneladas diarias de media”, concretan.