Centos de traballadores de Alcoa e auxiliares, familiares e veciños da Mariña participaron o pasado sábado nunha nova protesta dentro da loita por manter a produción e o emprego no complexo industrial, onde a multinacional presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que de saír adiante suporía 524 despedimentos na factoría de aluminio e outros 400 na industria auxiliar. Os participantes escenificaron un velorio pola única planta das súas características que queda en España.
Cruces e velas no acceso principal ao complexo industrial serviron para simbolizar o impacto que suporía o despedimento colectivo nunha comarca, a da Mariña, dependente desta industria: un enterro. Cos habituais cánticos de ‘enerxía solución‘ ou ‘a solución, unha intervención‘, os traballadores e as súas familias reclamaron unha vez máis ás Administracións, Goberno central e Xunta de Galicia, que expropien as instalacións se Alcoa se nega a negociar a venda da planta.
Unha petición que se produce a uns poucos días de que o conflito laboral quede abocado á vía xudicial, pois o vindeiro 3 de decembro celebrarase no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o xuízo pola impugnación presentada polos sindicatos ao despedimento colectivo.