InicioEconomíaOs sindicatos avisan de que Alcoa podería provocar "a parada forzosa" das...

Os sindicatos avisan de que Alcoa podería provocar “a parada forzosa” das dúas plantas ao non cubrir baixas

CC OO, CIG e UGT critican que a empresa non revisou o ERE malia o cambio das tendencias, dado que o custo da enerxía "é o máis baixo en 14 anos" mentres que o aluminio se encarece

Publicada o

- Advertisement -

Os tres sindicatos con representación no comité de empresa de Alcoa San CibraoCC OO, CIG e UGT– denunciaron este martes nunha rolda de prensa que a multinacional está a “deixar caer” tanto a planta de aluminio, na que presentou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) sobre o que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidirá a partir dun xuízo previsto para o vindeiro xoves, como a de alúmina, ao negarse a contratar persoal para cubrir baixas de incapacidade temporal e invalidez. Trátase doutra mostra de “mala fe” por parte da compañía, que -aseguran as centrais- non revisou os motivos alegados para o despedimento colectivo malia a tendencia cambiante dalgún dos factores esgrimidos, como o prezo da enerxía, a sobrecapacidade mundial do aluminio ou o baixo custo do aluminio.

O representante de CC OO na rolda de prensa, Juan Pedro Eiras, comentou no tocante á enerxía que o prezo é “o máis baixo no histórico dos últimos 14 anos“, cunha diferenza de “cinco euros” sobre o custo máis barato durante este período.

No tocante á sobrecapacidade mundial do aluminio, o outro argumento esgrimido por Alcoa para pechar a electrólise, asegurou que en China “a demanda vai en aumento” e tanto a multinacional como outras empresas “están abrindo plantas en Europa”, polo que CC OO entende que “non ten ningunha lóxica” presentar un ERE con eses argumentos.

O ERE “É UNHA DECISIÓN PREVIA DESDE PITTSBURGH Á QUE DESPOIS SE LLE BUSCARON XUSTIFICACIÓNS”

“Queremos denunciar que as causas do ERE non son as expostas no período de consultas e ofrecer máis feitos que demostran que os motivos reais nada teñen que ver cos alegados pola empresa; trátase dunha decisión corporativa desde Pittsburgh á que despois lle buscaron unha xustificación”, argumentou o voceiro da CIG, Xosé Paleo.

“O obxectivo da mesa de negociación é buscar saídas para ter alternativas ao ERE, o que foi imposible, porque Alcoa pretendeu desde o principio pechar a produción, quedar co mercado europeo e traer o aluminio de fóra”, indicou o sindicalista, que rebateu outra das xustificacións esgrimidas pola multinacional.

O ALUMINIO, A 2.014 DÓLARES A TONELADA

“Un dos argumentos utilizados na memoria explicativa é o baixo prezo do aluminio no mercado de Londres; no momento no que se presentou o despedimento colectivo era de 1.421 dólares a tonelada e prevían unha baixada a 1.360, cando agora está a 2.014 e prevese que siga subindo. Pero o grave non é que se poideran confundir nas previsións, senón que malia que esta subida foi paulatina, a empresa en ningún momento revisou as súas premisas ou tivo en conta esta tendencia no ERE; iso chámase mala fe“, manifestou Paleo.

Paleo denunciou tamén que Alcoa está “a poñer en perigo as dúas plantas“, tanto aluminio como alúmina, pois “non está a facer contratacións de ningún tipo; está deixando de cubrir as baixas de incapacidade temporal e invalidez, polo que hai carencia de persoal“. Esta situación “estase repetindo en todos os departamentos” das dúas plantas. Isto podería provocar, asegurou, “unha parada intempestiva, de xeito que o ERE se aplicaría dunha forma fáctica, deixando caer as instalacións esquivando a lei que por agora non lles permitiu facelo”.

DENUNCIAN UNHA ACTITUDE “ABUSIVA” QUE BUSCA “ENFRONTAR AO PERSOAL”

Finalmente, o representante de UGT, Diego Ballesteros, denunciou que a raíz do laudo arbitral que validou as condicións da folga indefinida e negou a parada das cubas de electrólise, unha decisión que refrendou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) primeiro estimando unha das medidas cautelares solicitadas polos sindicatos e despois desestimando o recurso de reposición presentado por Alcoa, a multinacional tivo unha actitude “abusiva. Estanse a poñer en cuestión piares básicos como a seguridade e a saúde”, afirmou, lembrando que está pendente resposta á petición dunha reunión para reapertura do comedor.

“Estase a presionar aos obreiros da refinería e tentalos enfrontar cos da outra planta ao non renovar persoal”, afirmou Ballesteros, que concretou que “estase a fabricar unha alúmina de moi baixa calidade, fóra das especificacións, e que provoca un alto risco para as cubas de electrólise”, ademais de “paralizarse tarefas de mantemento”. Así, exemplificou que un tanque de auga potable que “debe pasar unha revisión anual, que debe facerse fóra de horario laboral. Este equipo está fóra de prazo e a empresa non se puxo en contacto con nós para a análise”, concretou.

LEMBRAN, A UNS DÍAS DO XUÍZO POLO DESPEDIMENTO COLECTIVO, QUE A SOLUCIÓN “É POLÍTICA”

Respecto do xuízo polo despedimento colectivo, os sindicalistas amosáronse “esperanzados” en que os servizos xurídicos poidan demostrar “que o ERE é unha pantomima“, aínda que lembraron que o futuro do complexo industrial pasa por unha “decisión política” que teñen que “dar as Administracións”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...