O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou as súas críticas ao estatuto do consumidor electrointensivo sinalando este mércores que o documento aprobado polo Goberno responde a un “criterio territorial” e non a unha “verdadeira aposta pola industria”, apuntando que “non só chega tarde, senón que é insuficiente e non dá unha resposta aos grandes consumidores de enerxía no noso país”, que non poden competir en igualdade de condicións con respecto a outros países como Francia ou Alemaña.
A XUNTA CRITICA QUE NON SE INCLÚA NO DOCUMENTO O RECOÑECEMENTO Á INDUSTRA HIPERELECTROINTENSIVA
“Galicia sae unha vez máis prexudicada fronte a outros territorios ao recortarse as axudas á industria da Comunidade”, xulgou Conde, que fixo fincapé en que, co novo marco, “pásase de apoiar a 120 empresas en España a 600 e desde ese punto de vista os grandes consumidores electrointensivos non teñen unha resposta”. Ademais, engadiu que tampouco hai “un compromiso claro desde o punto de vista dos mecanismos de CO2 e tampouco se atenden as principais alegacións que tiñamos presentado Galicia, Cantabria e Asturias”, especialmente cara a figura dos grandes hiperelectrointensivos. Do mesmo xeito, sinalou que “non están contempladas no texto final outras medidas de carácter fiscal que a Xunta de Galicia consideraba como imprescindibles para abaratar o prezo enerxético”.
CONDE CRE QUE GALICIA “PERDE” CO ESTATUTO
Por todo o sinalado, Conde apelou ao Goberno a que “rectifique esta política enerxética que está deixando a un lado a industria e que está poñendo nunha situación verdadeiramente complicada que os empregos industriais poidan ter un futuro no noso país”.
Segundo o vicepresidente económico, “Galicia perde unha vez máis con este estatuto”, denunciando que “non sabemos cales son os motivos polos que o Goberno o retrasou, pero desde logo para este resultado podíase aforrar este camiño”.
Con respecto ao caso concreto da planta de Alcoa en San Cibrao, Conde defendeu que “no momento en que se poida ditaminar que a compañía non está disposta a darlle continuidade, automaticamente a única solución posible é a intervención”.
“Necesitamos claramente que haxa unha aposta polo emprego industrial na Mariña pero tamén noutras empresas electrointensivas”, remarcou o vicepresidente económico, facendo referencia a exemplos como Alu Ibérica, Ferroatlántica Sabón, e Xeal e Celsa na Costa da Morte.
PONTÓN CENSURA O “CAFÉ PARA TODOS” ELÉCTRICO
Por outra banda, segundo informa EFE, A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou este mércores que o estatuto para os consumidores electrointensivos aprobado o martes polo Goberno central “chega tarde”.
Pola información que se publicou sobre o texto, indicou a nacionalista, será “insuficiente para poder darlle unha resposta ás demandas que ten a industria electrointensiva” en Galicia, subliñou.
“É máis grave porque no caso de Galicia nós somos grandes exportadores de enerxía e estamos vendo como non se contempla esta excepcionalidade tampouco”, lamentou Pontón en alusión á demanda do BNG dunha tarifa eléctrica galega. A líder do BNG pediu que a Comunidade poida usar a súa “riqueza” para xerar desenvolvemento económico e emprego.
Nesta liña, rexeitou “esa especie de café para todos eléctrico”, no que Galicia “está vendo como se destrúe emprego en sectores electrointensivos“.
A CIG: A “INDEFINICIÓN” SOBRE A “REBAIXA REAL” DO PREZO DA LUZ PERMITE ÁS EMPRESAS AMEAZAR CO EMPREGO
Pola súa banda, a CIG considera que o documento “non aclara cal será a rebaixa efectiva no prezo da electricidade para a industria gran consumidora de enerxía, non establece mecanismos de garantía de emprego reais, nin se modifica o mercado de casación de prezos no mercado maiorista, a pesar de ser a principal causa do elevado custe da electricidade para o sector”.
Para o secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, “estamos ante unha constatación máis desta acumulación de atrasos inxustificados por parte do Goberno español, co impacto que ten na nosa industria que o estatuto non estea aprobado dende hai meses e nunhas coordenadas que senten as bases para a creación dunha tarifa máis xusta, estable, predicible e competitiva”.
Carril advirte de que a “indefinición” sobre a rebaixa no prezo da electricidade “é ao que se veñen agarrando as empresas para ameazar a continuidade dos postos de traballo e da actividade, aplicar regulacións de emprego, recortar dereitos ou non realizar investimentos nas fábricas e nos procesos produtivos”, expón. Alcoa utilizou ese argumento, o da falta de concreción, durante o xuízo pola impugnación do expediente de regulación de emprego (ERE) presentado en San Cibrao, sobre o que decidirá o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).