InicioEconomíaAlcoa recorre ante o Supremo a nulidade do ERE e desoe as...

Alcoa recorre ante o Supremo a nulidade do ERE e desoe as chamadas a negociar unha venda

Malia o ofrecemento de diálogo de sindicatos e Administracións, a multinacional, que insiste en que actuou de "boa fe", esgotará a vía xudicial para aplicar o despedimento colectivo

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa iniciou o procedemento para presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que declarou nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) presentado pola multinacional na planta de aluminio de San Cibrao. Así o anunciou este mércores cun comunicado de prensa a compañía, que polo tanto esgotará a vía xudicial para aplicar o despedimento colectivo desoíndo as chamadas tanto das Administracións –Goberno central e Xunta de Galicia– como dos propios sindicatos para sentar a negociar unha venda das instalacións. As centrais ofreceran levantar a folga indefinida iniciada a principios do pasado mes de outubro se a empresa daba marcha atrás.

Alcoa considera que o Tribunal Supremo “concluirá” que “actuamos de boa fe” durante o proceso de consultas cos representantes dos traballadores, que foi levado a cabo, argumenta, “de xeito xusto e conforme cos requisitos legais“. Deste xeito, e malia pretender o apagado das cubas da electrólise que segundo os traballadores suporía a “morte” do complexo industrial, insiste en que pretende “reestruturar” a planta de aluminio, decisión “tomada tras un longo período de consultas sobre os importantes e permanentes problemas estruturais que fan que a planta de aluminio de San Cibrao non sexa competitiva”.

INSISTE EN ALEGAR “PERDAS ESTRUTURAIS” E CRITICA O ESTATUTO DAS ELECTROINTENSIVAS

“Estas dificultades persisten e inclúen a falta dun marco enerxético competitivo“, alega Alcoa, xa que, sostén, “o estatuto das electrointensivas recentemente aprobado non garantirá un prezo competitivo da enerxía nin resolverá as perdas financieiras recorrentes da planta de aluminio”.

Alcoa insiste polo tanto no despedimento colectivo malia os dous reveses xudiciais encaixados, o primeiro deles no tocante á medida cautelar demandada polos sindicatos para impedir á empresa parar as cubas en tanto non houbese sentenza firme sobre o ERE; e o segundo coa propia nulidade do despedimento. O TSXG concluíu na súa sentenza que o “fin único e primordial” da empresa era “pechar do xeito máis rendible posible” sen atender a obriga, dentro dun período de consultar, de tentar na medida do posible evitar os despedimentos.

O ERE que pretende aplicar Alcoa suporía 524 despedimentos na planta de aluminio e, segundo a estimación dos sindicatos, a perda doutros alomenos 400 empregos nas empresas auxiliares, que realizan traballos a diario na planta.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...