O comité de empresa de Alcoa San Cibrao opina que a multinacional norteamericana, que acaba de anunciar a súa intención de recorrer o fallo xudicial que anulou o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado na planta de aluminio primario, “non entendeu nada” do que quería dicirlle coa súa resolución o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
“Queda claro que non entenderon nada do fallo”, dixo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, quen opina que os maxistrados instaron a Alcoa coa súa resolución a “que negociasen” para buscar unha saída que permitise manter a produción na fábrica.
De feito, “ofrecémoslles levantar a folga -que comezou o pasado 4 de outubro-, pero nin a iso fixeron caso”, dixo Zan, quen opina que esa actitude é “entender pouco o que lle quixeron dicir as autoridades xudiciais en España”.
Zan afirmou que a oferta do comité segue en pé e “no momento no que Alcoa decida sentarse a negociar cos Gobernos, a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI)“, será “levantada a folga”.
“Ata entón seguiremos igual, porque nada se moveu, nada fixeron para solucionar esta situación. Pretenden xudicializalo todo aínda máis e ternos aquí colgados cinco meses máis”, lamentou.
A multinacional Alcoa informou de que os seus representantes legais iniciaron xa o procedemento para recorrer ante o TSXG que anulou o ERE suscitado pola compañía na planta de aluminio primario de San Cibrao, ao entender que houbo mala fe por parte da empresa: “o fin único e primordial de Alcoa era apagar as cubas e pechar do xeito máis rendible posible”, concluíu a Sala.
NOVA ENTREGA AO BANCO DE ALIMENTOS
Nun escueto comunicado, a compañía confirma que “iniciou o procedemento” para recorrer ao Tribunal Supremo, xa que insiste en que actuou “de boa fe” durante o proceso de consultas cos representantes dos traballadores e levou a cabo o ERE “de xeito xusto e conforme cos requisitos legais”. O despedimento colectivo, que encaixou dous revés xudiciais, tanto pola estimación da medida cautelar que impedía parar as cubas como pola declaración da nulidade, suporía 524 despedimentos na planta de aluminio e outros alomenos 400 na industria auxiliar.
Por outra banda, os traballadores continúan coa súa labor solidaria e fixeron unha nova entrega ao Banco de Alimentos da Mariña. Ademais, anunciaron que farán outra a principios de xaneiro, de alimentos e xoguetes.