EFE. O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, opina que “as negociacións” para a venda da planta de aluminio primario á Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) “están xa en curso” e confía en que “máis ou menos en quince días” se produza o primeiro acordo para chegar a completar o proceso.
En declaracións a EFE, Zan espera que “haxa noticias en febreiro”, que no prazo de “quince días se chegue ao primeiro acordo para establecer as condicións xerais” do proceso de venda, un paso que polo menos “permitiría percibir a luz á fin do túnel”.
Ese primeiro acordo global dará paso, explicou o presidente do comité, “a outros acordos menores”, ata chegar ao momento no que o posible comprador visite a fábrica para coñecer de primeira man o estado das instalacións e as necesidades de investimento para manter unha produción competitiva.
Despois desa visita, sostén Zan, o normal é que se peche “o acordo final” para a venda da planta de aluminio primario. “Pensamos que é posible que en abril quede pechado o acordo final” para o traspaso da fábrica”, concluíu. O reinicio das negociacións para a venda da planta de aluminio primario do complexo industrial de San Cibrao é posible grazas ao acordo asinado polo comité coa propia multinacional para levantar a folga indefinida que comezou a principios de outubro e deixou perdas superiores aos dez millóns de euros, segundo cálculos de Alcoa. Esa “paz social” era o requisito que esixía a compañía para explorar de novo a posibilidade dunha venda á SEPI, para o posterior traspaso das instalacións ao grupo Liberty House.