InicioEconomíaA Xunta cre que a pretensión de Bruxelas de aplicar videovixilancia na...

A Xunta cre que a pretensión de Bruxelas de aplicar videovixilancia na frota é “disparatada”

Quintana asegura que o regulamento de control de pesca proposto pola UE "afasta aos profesionais da pesca das institucións pois demostran falla de coñecemento da súa realidade"

Publicada o

- Advertisement -

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo un encontro por videoconferencia coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, no que lle expuxo os principais asuntos de interese do sector marítimo-pesqueiro galego e lle trasladou que considera “disparatada” a pretensión do Executivo comunitario de facer obrigatoria a instalación de cámaras de videovixilancia a bordo da frota europea por entender que se trata dunha medida que “criminaliza” ao sector.

BURELA E CELEIRO ACOLLERÁN PROTESTAS ESTE VENRES

A representante do Goberno galego, que estivo acompañada por tres membros do grupo de traballo do Consello Galego de Pesca sobre o Brexit, describiulle a realidade da frota artesanal galega e advertiulle de que este tipo de decisións adoptadas por Bruxelas, “que xeran rexeitamento no sector, afastan aos profesionais da pesca das institucións pois demostran falla de coñecemento da súa realidade e complican en gran medida o seu labor diario. Ese é o motivo, precisamente, de que o sector pesqueiro galego teña convocadas para mañá varias protestas en contra dos plans en materia de control das institucións comunitarias”, razoou.

Quintana abordou durante o encontro distintas cuestións que xeran “malestar e preocupación entre o sector pesqueiro galego” en relación coa modificación do regulamento europeo de control da pesca, pois inclúe medidas que se pretenden aplicar ao conxunto da frota como a videovixilancia a bordo -“que incluso pode chocar coa intimidade do traballo a bordo e coa protección de datos dos mariñeiros”, resalta a Xunta-, a xeolocalización dos buques ou a notificación dixital das capturas antes da chegada a porto.

No referente á videovixilancia a bordo, a conselleira mesmo lembrou que tanto a Comisión de Pesca do Parlamento Europeo como outros actores do sector “son máis partidarios de que esta medida sexa voluntaria -cun sistema de incentivos para a súa instalación- ou obrigatoria como sanción para aqueles que cometan algunha infracción grave da normativa pesqueira, unhas opcións que terían unha maior aceptación no sector”.

XEOLOCALIZACIÓN DAS EMBARCACIÓNS DE BAIXURA

A titular de Mar insistiulle á responsable do Executivo comunitario en que este tipo de medidas son “negativas” para a baixura galega pois “supoñen maior burocracia e non implican unha mellora no control da súa actividade. É o caso da xeolocalización das embarcacións de menos de doce metros de eslora, sobre a que Galicia defendeu en todo momento a exclusión da baixura desa obrigatoriedade posto que o dispositivo supón un custo importante para a frota e trátase de embarcacións perfectamente controladas ao atoparse preto da costa”, remarcou Quintana.

REXISTRO DIXITAL DAS DECLARACIÓNS DE CAPTURAS

Outro dos aspectos que a Xunta de Galicia considera negativos da proposta de regulamento de control é a obriga de rexistrar dixitalmente as declaracións de capturas nas embarcacións de menos de doce metros antes da súa chegada a porto. Esta exixencia, incidiu a conselleira do Mar, “afectaría a moitas embarcacións que realizan mareas inferiores a 24 horas e tamén ao marisqueo, en moitos casos cun único tripulante a bordo, o que complica a súa operatividade e supón maior burocracia duplicando a notificación previa ao desembarque”.

Ante esta situación e o malestar xerado no conxunto do sector pesqueiro galego e, de xeito especial, na frota artesanal, a representante do Executivo galego demandou “melloras” durante o proceso de negociación no marco dos trílogos -Comisión Europea, Eurocámara e Consello Europeo- para deseñar un regulamento de control “máis adaptado á realidade da frota e que non criminalice ao sector”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...