InicioEconomíaRenfe e Adif, sen solucións a curto prazo para o tren Ferrol-Ribadeo

Renfe e Adif, sen solucións a curto prazo para o tren Ferrol-Ribadeo

Os alcaldes de Ortegal e A Mariña, decepcionados tras unha reunión na que os responsables da liña prometeron "novas máquinas en tres anos" e novos horarios "a principios de 2019"

Publicada o

- Advertisement -

A reunión celebrada este mércores na delegación da Xunta de Galicia en Ferrol entre representantes de Adif, de Renfe Viajeros e do Goberno galego e alcaldes das bisbarras de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña Lucense non ofreceu solucións a curto prazo para o deterioro do servizo da liña de tren Ferrol-Ribadeo.

Os responsables da liña -Adif asume a parte administrativa e Renfe a ferroviaria-, dependente do Ministerio de Fomento, anunciaron que se disporá de novos trens para modernizar cinco das nove unidades de Ferrol-Ribadeo, xa que as outras catro “xa se renovaron”.

Porén, a tramitación das cinco novas unidades, na previsión de Renfe Viaxeiros, podería alongarse “entre tres e catro anos”.

MÁIS PERSOAL

Ademais, segundo espuxo o director de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, Renfe anunciou “a incorporación de seis novos maquinistas, aos que se incorporarán outros dous, en proceso de formación”.

No tocante aos novos horarios da liña pactados no pasado mes de xullo e prometidos para o pasado setembro, Renfe asegurou que se aplicarán “entre xaneiro e febreiro do 2019”.

TRINCHEIRAS E LIMPEZA

Adif anunciou que está en redacción un plan de estabilización das trincheiras para facilitar o aumento de velocidade en seis treitos da liña, que prevé licitar “o ano que vén”.

adif anunciou un plan de estabilización de trincheiras para aumentar a velocidade, que prevé licitar “o ano que vén”

Tamén se asegurou da “próxima” licitación dun contrato para a limpeza da vexetación, cun investimento de 2,7 millóns de euros, para facer talas de árbores e o acondicionamento das vías e as súas inmediacións.

No tocante á seguridade, Adif sinalou que se licitará “a curto prazo” o sistema Asfa Dixital, cun orzamento de 22 millóns, pero só polo de agora entre o treito Ferrol-Ortigueira.

Á xuntanza convocada pola Xunta -á que estaban chamados 20 alcaldes- acudiron os rexedores de FerrolMoeche, Cariño e Ribadeo, ademais do edil de medio ambiente de Cedeira.

Maestro recoñeceu “as deficiencias de servizo e estruturais da liña”, pero valorou o encontro porque “estamos sentados nunha misma mesa todos os interlocutores para intentar que isto cambie”. Así, asegurou que a Xunta ficará “vixiante e no liderado da reivindicación de melloras”. 

“BURLA”

Para os gobernos locais, pola contra, a xuntanza foi negativa. A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy (BNG), exerceu de voceira dos rexedores e asegurou que “se non é unha burla, parécese moito. Viñamos á procura de solucións concretas e din o que nos levan dicindo nos últimos catro anos”, concluíu.

os rexedores critican que non haxa previstas medidas para as constantes supresións e retrasos no servizo

Os alcaldes botan de menos solucións para supresións e retrasos. “A realidade é que o tren falla todos os días e falan da adquisición de novas máquinas en tres ou catro anos. Mentres tanto, que facemos?”, preguntou Bascoy. 

“FALTA DE CREDIBILIDADE”

O alcalde de Ribadeo, o tamén nacionalista Fernando Suárez Barcia, asegurou que a situación da liña “é máis propia da Transilvania do século XIX que do 2018”.

Suárez Barcia lamenta “a falta de credibilidade que ten o servizo público, que fai que non se utilice. En canto ao servizo, acabamos o mandato igual ca o empezamos”, sostén.

o rexedor ribadense asegura que a liña é “máis propia da transilvania do século XIX que dos nosos tempos”

O rexedor ribadense agarda “que as palabras tornen en feitos” e que se preste atención a “un tren que pode vertebrar A Mariña”.

SEN ALCALDES DO PP

O rexedor ribadense subliñou que “asistiron á xuntanza alcaldes de PSOE, BNG e En Marea, pero ningún do PP” e afeoulle á Xunta “que durante os anos de goberno do PP en Madrid non exerceu ningún tipo de liderado sobre este tema e agora anímase a reivindicar”.

30% DE INCIDENCIAS DO ESTADO

Segundo denunciou a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, a liña -que ten 254 quilómetros– rexistra o 30% das incidencias de todo o sistema ferroviario español.

Retrasos na liña de ate 75 minutos ou supresións dos servizos que se suplen con viaxes en autobús ou taxi son o pan de cada día dos usuarios. 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...