O peche de áreas mariñas para a pesca de fondo comezou o pasado luns 10 de outubro. O documento aplicado sobre esta pesca afectaba ás capturas realizadas mediante o arrastre de fondo. Nada tiña que ver, en principio, con artes como o palangre de fondo, menos invasiva que o arrastre. A sorpresa foi que o regulamento de 2016 da UE para a protección de ecosistemas mariños vulnerables aplicouse de maneira “indiscriminada”. Barcos palangreiros de altura non poderán entrar nunhas zonas delimitadas dentro dun espazo que vai desde o norte das Illas Británicas até o Golfo de Biscaia, incluído o banco do Gran Sol. A OPP 7 Burela recorreu o regulamento da UE o día 14 de outubro. Por outra parte, persoas involucradas no movemento ecoloxista ven unha actuación “miope” por parte da UE en cuestións como selección de artes e preservación de ecosistemas e bancos pesqueiros.
FALTA DE CRITERIO NA UE?
“Non é un veto contra o arrastre de fondo. Esa foi a mensaxe que deron até este ano. Falamos do regulamento de especies de profundidade afectadas polo arrastre de fondo” aclara Sergio López da OPP 7 Burela. “Nós somos palangreiros de altura maioritariamente, e vémolo desde a nosa perspectiva palangreira”.
En 2016 a UE recolle un informe do CIEM (Consello Internacional para a Explotación do Mar) e en base a el crea un regulamento para a pesca de arrastre de fondo. A sorpresa vén cando este regulamento se aplica a toda a frota pesqueira delimitando unha serie de áreas onde non se poderá faenar. Esas áreas, en principio, estarían pechadas ao arrastre de fondo, mais non foi así.
“A Comisión Europea decide con información parcial decidiu aplicar todas as conclusións dos documentos que tiña na mesa sobre todas as artes fixas de pesca sen pensar no prexuízo que iso ten” engade Jesús Lourido de Puerto de Celeiro. Finalmente “os afectados somos quen non traballamos con especies de profundidade” sinala Lourido.
“Hai unha mala aplicación dos datos. A UE sabe que non se poden aplicar os mesmos parámetros para todas as artes de pesca, ademais, tampouco se fixo un estudo de impacto socioeconómico para buscar alternativas” remarca Sergio López. Nese sentido, López apunta aos buques que faenan entre sete e oito meses ao ano e agora verán reducida a súa actividade un 75%.
POLÍTICA PESQUEIRA DE FRONTÓN
“A Comisión Europea non presentou un informe de afectación económica, o regulamento non obriga a facelo mais estaría ben. Calquera medida que restrinxa unha actividade económica debera levar un informe económico” sinala Fins Eirexas, ambientalista que estudou o novo regulamento da UE. “Non se manexaron ben os datos porque non avaliaron as consecuencias sobre as outras artes pesqueiras e outros elementos”.
Jesús Lourido lembra que non é doado recolocar as frotas de palangre, pois ao mellor terán que compartir espazos con volanteiros e arrastreiros. “As redes poden arrastrar o palangre, por iso estamos preocupados pola desproporción no regulamento” explica Sergio López. Este último apunta que as solucións poden vir por dúas vías: a política e a xudicial. “A política é un frontón, á UE tanto lle ten quen presione ou quen pida unha rectificación, hai moitos intereses detrás para quitarnos o mar”, sentenza. A vía xurídica tería un prazo de dous meses e desde a OPP7 Burela foi anunciada o venres 14 de outubro cun recurso ao regulamento europeo.
A quen afecta a decisción da UE? “En Celeiro temos 400 familias que viven da pesca” sinala Lourido. Segundo datos de www.pescagalicia.com en augas da UE hai 71 buques galegos. “Burela move o 70% da pescada que entra en Galicia sen ser de fondo. O que vemos son intereses por ocupar espazos mariños con eólicos, petroleiras e minaría submariña” di López.
“Se lemos os informes, o total da superficie afectada dentro da zona de pesca é un 17%, queda un 83% para faenar” di Eirexas. “Segundo os datos da Xunta os afectados por esta acción da UE son 1.189 persoas, que non son poucas, en palangre hai 60 barcos, 70 en arrastre e volanta 23. Os tripulantes son 750 en palangre, 255 en arrastre e 184 en volantas”.
Non obstante, a necesidade de “darlle un descanso ao mar” implica a non sobreexplotación de áreas de pesca e a conservación das áreas de coral de auga fría, onde as especies mariñas crían. Se é certo que os intereses industriais e enerxéticos empurran a tomar decisións como a aplicada desde o 10 de outubro, estase abrindo unha fronte moito máis difícil para o sector pesqueiro.