InicioEn ProfundidadeAnálise: días clave para a industria do aluminio na Mariña

Análise: días clave para a industria do aluminio na Mariña

O Xornal da Mariña tenta responder a algunhas preguntas básicas sobre o conflito laboral de Alcoa San Cibrao, que entra nunha fase decisiva

Publicada o

- Advertisement -

O Xornal da Mariña tenta responder a algunhas preguntas chave en días importantes para o conflito laboral de Alcoa San Cibrao, coa comarca nunha tensa agarda polo futuro do seu corazón industrial.

1 ) CAL É A SITUACIÓN ACTUAL?

Rexeitada unha venda por parte de Alcoa e rexeitado un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) por parte dos traballadores, a multinacional ten algo menos de dúas semanas para comunicar a súa decisión sobre o proceso do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) aberto na planta de aluminio, que podería supoñer 534 despedimentos na planta de aluminio e outros 400 nas empresas auxiliares.

A proposta inicial de Alcoa pasaba polo que chama “unha reestruturación” da planta de aluminio, en realidade o peche da electrólise, cesando a produción de ánodos, de metal líquido e das actividades relacionadas, así como a elaboración de tochoslingotes e de parte da factura de placas de fundición.

A VÍA XUDICIAL, UNHA OPCIÓN

Segundo se recolle na reforma laboral, que permanece vixente, a Xunta de Galicia, como autoridade laboralnon ten capacidade xurídica para deter un posible despedimento colectivo. Polo tanto Alcoa, legalmente, está capacitada para tomar a decisión. Á espera dunha comunicación da multinacional, os obreiros teñen a opción da impugnación, solicitando medidas cautelares para que un xuíz evite a parada de cubas. Este xoves, Alberto Núñez Feijóo, o presidente do Goberno autonómico, ameazou á propietaria con acudir aos tribunais.

A través do corte da saída de aluminio e da folga indefinida que pretenden iniciar o domingo, os traballadores presionan a Alcoa para que recapacite e acepte unha venda. A multinacional afirma que “non hai ningunha decisión tomada” e polo de agora garda silencio.

2) POR QUE FRACASOU O PROCESO DE VENDA?

Catro das cinco partes da mesa multilateral polo proceso de venda -o comité de empresa, os sindicatos, a Xunta de Galicia e o Goberno de España– acusan a Alcoa de “mala fe” negociadora; tanto as centrais como o Executivo estatal atribuíron á multinacional a intención de deslocalizar a produción de aluminio e introducir o metal a través doutros países, utilizando o período de negociación como un pretexto para xustificar o peche das instalacións e a parada das cubas, de cara a salir airosa dun posible preito xudicial.

Alcoa sostén, pola súa banda, que as peticións de Liberty House foron “non razoables” e “fóra do mercado”, especialmente no tocante ao subministro de alúmina. A potencial compradora esixía un acordo a longo prazo, por 20 anos, para poder investir nunha planta eólica, fotovoltaica e de coxeración a fin de abaratar o prezo da enerxía a aluminio. A propietaria negábase a calquera acordo por máis de cinco. Segundo a súa versión, “a oferta tamén da SEPI esixía un stock para 60 días”, o que tería “un custo engadido duns 20 millóns de dólares” para a titular. A multinacional radicada en Pittsburgh suxeriu, de feito, que as condicións das ofertas da siderúrxica británica e da Administración eran “practicamente iguais”.

ALCOA MANTÍVOSE NAS MESMAS DURANTE TRES SEMANAS

Os sindicatos acusan a Alcoa de rexeitar finalmente tamén unha oferta na que se aceptaba establecer un acordo de subministro por un lustro.

Por outra banda, os presupostos de Alcoa apenas variaron durante as negociacións; desde o 1 de setembro ao 22 de setembro foron os mesmos, de acordo cos comunicados oficiais da propia empresa.

Di Alcoa que a oferta da SEPI, como a de Liberty House, “non garantían a viabilidade da fábrica nin a protección dos traballadores”, uns obreiros que se preguntan que futuro ofrece a multinacional coa parada de cubas e se poden estar máis protexidos que ao amparo do Estado.

3) POR QUE REXEITARON UN ERTE OS OBREIROS?

O persoal ten claro que a parada das cubas de electrólise, “o corazón industrial” da Mariña, sería “a morte” do complexo industrial. Dese xeito, rexeitaron calquera proposta de Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) que pasase polo apagado da maquinaria, pois entenden que suporía rebentar calquera posibilidade de que a produción de aluminio na Mariña teña futuro. Así o decidiu a asemblea, que se pronunciou a petición dos sindicatos antes da negociación e non a posteriori, como soe ocorrer nestes casos.

As cubas precisan electricidade continua para gardar unha alta temperatura e producir aluminio con alúmina a partir dun proceso electrolítico.

Alcoa di que perde “1,2 millóns de euros semanais” coas cubas acendidas e cifrou o custo de rearrincalas en 40 millóns de euros, o que os sindicatos poñen en cuestión. Deste xeito, requeriu aos sindicatos asinar previamente un Erte ao proceso de venda, o que as centrais rexeitaron: “de facelo, agora mesmo estaríamos pechados por pura vontade deles”, razoou o presidente do comité.

O LIMBO DAS PLANTAS DA CORUÑA E AVILÉS, EXEMPLO

O espello no que se miran os traballadores son as antigas fábricas de Alcoa na Coruña e Avilés, onde desde a sinatura de senllos Ertes en xaneiro do 2019, coa parada das electrólises en febreiro, non houbo rearranque da maquinaria, hoxe en mans de proxectos especulativos. Nove meses despois da venda dos centros de produción, o fondo suízo Parter revendeunas -en pleno estado de alarma- a Capital Riesgo. A propia compradora potencial do complexo, Liberty House, suxeriu que non ten interese na planta de aluminio de non contar coa maquinaria en funcionamento.

4) QUE PAPEL XOGA A REFINERÍA DE ALÚMINA?

A planta de alúmina de San Cibrao xogou un papel esencial nas conversas; a potencial compradora tiña un interese xenuíno por todo o complexo -carece de refinería– e tentou asegurar, de negarse a propietaria a negociar, un dereito de tenteo sobre a mesma nunha futura venda ou un acordo de subministro a longo prazo. Alcoa insiste en que a planta, que posúe nun 60% -o outro 40% está en mans do grupo australiano Westminster Acquisition– “non está en venda“, despois de que o persoal reclamase o seu traspaso.

Liberty House sabe que de non ter opción a mercar a refinería que fornece case en exclusiva á instalación irmá, permanecería cautiva dos intereses de Alcoa, sobre os que os sindicatos dubidan, acusándoa de querer pechar o complexo industrial como moi tarde no 2025. O presidente do comité, José Antonio Zan, pregúntase como pode a compañía manter un enfrontamento coas Administracións se ten a vontade de seguir no Estado. O propio secretario xeral de Industria, Raül Blanco, suxeriu nunha entrevista que “non sería extraño” que o que ocorre coa factoría de aluminio “pase coa fábrica de alúmina”.

5) COMO PODEN INTERVIR AS ADMINISTRACIÓNS?

O Goberno central exerceu mediante a oferta a través da SEPI unha das vías de intervención pública no conflito laboral de aluminio, a da compra da planta para un posterior traspaso a Liberty House. Alcoa rexeitou a proposta do Executivo estatal, que advertiu de opcións “menos amigables“, aínda que unha das posibles saídas -quizais a principal- segue a ser que sente de novo na mesa.

DEVOLUCIÓN DAS AXUDAS

Para que Alcoa volva negociar, as Administracións poden exercer varios tipos de presión, aínda que fará falta vontade por parte da propietaria. Unha delas, segundo anunciou o propio Executivo central, é a devolución das axudas públicas recibidas. A compañía estadounidense e o Goberno de España mantiveron xa unha agria polémica a este respecto, asegurando a ministra de Industria, Reyes Maroto, que a alumineira percibiu “800 millóns en dez anos”. O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, negou que a poxa de interrompibilidade, da que deriva a maior parte dese diñeiro, sexa “unha subvención“, cifrando o percibido en “43 millóns“.

O PORTO, A BALSA DE LODOS

Deste xeito, o mecanismo deseñado polo PP para inxectar diñeiro público nos grandes consumidores de enerxía a fin de aliviar o custo da luz -e ameazado de posibles sancións pola Unión Europea– suporía que, segundo a multinacional, o diñeiro destinado a esa subasta non é susceptible de devolución; os participantes, por exemplo, non adquiren para poder poxar compromisos de mantemento do emprego. Blanco asegurou que o Estado está “vixiante” a posibles infraccións de Alcoa.

Por outra banda, Alcoa desfruta da concesión en exclusiva, ata 2023, do porto comercial de San Cibrao, a onde chegan os barcos con bauxita para a refinería.

No marco medioambiental, asociacións ecoloxistas como Adega tamén puxeron en cuestión a autorización ambiental concedida pola Xunta a Alcoa, á que acusan de “chantaxear” ao Goberno galego para contaminar máis do permitido a costa de manter os postos de traballo, advertindo de que a balsa de lodos vermellos é “unha bomba de reloxería”.

De non querer negociar Alcoa, só queda a expropiación.

6) PODE O GOBERNO EXPROPIAR ALCOA?

Segundo un informe elaborado polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña (UdC) Carlos Aymerich, realizado a petición da CIG, as disposicións vixentes en materia de expropiación forzosa -a lei data de 1954- ou a aprobación dun decreto-lei expropiatorio específico.

Os sindicatos parten da premisa de que o dereito dun investidor estranxeiro a marchar non inclúe o dereito a deixar inactivas as súas instalacións; remarcan que a produción de aluminio é estratéxica -pola súa importancia para a construción naval ou o sector automobilístico- e deficitaria, pois depende maioritariamente de exportacións. Entenden por estes motivos, ademais de polo impacto socioeconómico na comarca da Mariña, que se trata dunha cuestión de interese xeral. Podes consultar o informe nesta ligazón.

Polo de agora, o Ministerio de Industria e o de Transición Ecolóxica, carteiras socialistas, evitaron pronunciarse publicamente sobre este mecanismo. No Goberno bipartito a nivel estatal, en cambio, Unidas Podemos -cun perfil baixo neste asunto que provocou as críticas dos sindicatos-, si abriu a porta a unha expropiación: fixérono tanto o vicepresidente Pablo Iglesias como a ministra de Traballo Yolanda Díaz, este mesmo xoves.

OS SOCIALISTAS TEMEN PREITOS INTERNACIONAIS E INDEMNIZACIÓNS CUANTIOSAS

A expropiación é un mecanismo tan inhabitual no Estado que hai que remontarse a 1983 para atopar o exemplo de Rumasa. Pode deducirse a visión da formación socialista no Executivo a través das palabras do líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, días atrás: alertaba de que a cuestión derivase “en preitos multinacionais” que poderían desembocar en “indemnizacións terriblemente cuantiosas” para a empresa. Ademais, habería que asumir perdas durante tres anos, mentres non entra en funcionamento a PPA acordada por Liberty House e Ignis para a introdución de enerxías renovables para alimentar San Cibrao.

Máis alá destas cuestións, a pregunta de se o Estado español pode permitirse non producir aluminio e importar o 100% deste metal. Os sindicatos resaltan que a expropiación é unha medida “excepcional” para unha situación “excepcional”.

7) CALES SERÍAN AS CONSECUENCIAS DUN PECHE PARA A COMARCA?

Para a comarca da Mariña, altamente dependente da produción do aluminio, o peche da electrólise sería un golpe devastador a nivel económico, demográfico e social, ademais de político, porque a menor poboación dunha área supón tamén un menor peso nas decisións que se toman sobre os asuntos que lle afectan. Aos preto de 4.000 parados na bisbarra sumaríase máis dun milleiro de desempregados e uns 2.000 se tamén se pon fin á produción de alúmina. A difícil recolocación destas persoas levaría a importantes fluxos migratorios e ao despoboamento dunha zona que, con arredor de 72.000 habitantes, perde no saldo vexetativo arredor de 600 residentes por ano.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...