InicioM.ambiente e PatrimonioDenuncian que Patrimonio tentou descatalogar o Castro da Trinidade malia ter seis...

Denuncian que Patrimonio tentou descatalogar o Castro da Trinidade malia ter seis informes ao seu favor

Mariña Patrimonio e Adega aseguran que o servizo provincial "tiña probas abondas" da existencia do xacemento, ubicado en Mondoñedo e danado pola actividade dunha canteira

Publicada o

- Advertisement -

Mariña Patrimonio (MP) e a Asociación Ecoloxista de Galicia (Adega) afirmaron este venres que o Castro da Trinidade, en Mondoñedo, contou con “alomenos seis informes que avalaban a súa existencia”, polo que instan ao Servizo de Patrimonio de Lugo a “explicar” por que “tentou descatalogar” o xacemento en 2016.

O dous colectivos denunciaron no pasado mes de outubro perante a Fiscalía que a actividade dunha pedreira reduciu o xacemento de dúas hectáreas a vinte metros. En marzo, a Consellería de Cultura recoñeceu os danos e informou ao Concello de Mondoñedo de que a empresa Canteras Santa Cecilia “ocupa terreos do ámbito protexido do xacemento” e carece “do amparo” da Xunta de Galicia.

CATALOGADO DESDE 1991

MP e Adega sosteñen que o xacemento arqueolóxico, ubicado entre Mondoñedo e Lourenzá e catalogado en 1991 pola Dirección Xeral de Patrimonio, figura no catálogo como dous sitios arqueolóxicos diferentes, o Castro da Trinidade e o de Flores.

O primeiro dos informes aos que aluden é a ficha do inventario da Dirección Xeral do Patrimonio, de 1991, que fala de dous castros, o da Trinidade cun emprazamento que “que fai pensar nun xacemento de carácter defensivo” e que non tería alteracións significativas, e o das Flores, que puido ser danado, expón o documento, por unha canteira operativa nos anos 50. MP e Adega negan esta posibilidade, dado que esta pedreira estaba, afirman, “fóra dos límites do sitio arqueolóxico, segundo a delimitación que aparece no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)”.

CINCO INFORMES DE 1998 A 2016

O segundo documento, de 1998, é un informe de control arqueolóxico do gasoducto Ribadeo-Vilalba, que percibe “un xacemento de 110 metros de diámetro con parapeto”. No 2000, unha prospección arqueolóxica para avaliar a posible afectación do castro pola canteira, o arqueólogo avala que a actividade desta última “non implica ningún impacto”.

O control arqueolóxico para a realización da autovía A-8, no 2007, e o informe do arqueólogo do Concello de Mondoñedo, no 2008, certifican tamén a existencia do castro. O primeiro deles fala “dun parapeto-muralla arredor da croa” e o segundo documenta “restos cerámicos” que “parece adscribirse á cultura castrexa”, así como un machado votivo.

Neste último, segundo MP e Adega, o especialista expón que “se debera suspender a actividade extractiva”, o que fixo ao goberno local paralizar as actividades da canteira en 2008. O último dos documentos sería a ficha do xacemento no PXOM, de 2016.

PATRIMONIO “DEBERA DENUNCIAR OS FEITOS”

Con todo, sosteñen as asociacións denunciantes, o propio arqueólogo municipal e Servizo de Patrimonio de Lugo aconsellaron nese mesmo 2016 a descatalogación do castro dado que, expuxeron, “a día de hoxe e tralas últimas visitas ao lugar hai que dicir que non hai indicios de que exista un vestixio arqueolóxico”. Os colectivos preguntanse se “non hai xacemento porque nunca o houbo” ou se “desapareceu pola canteira”.

MP e Adega resaltan que “había probas documentais abondas” sobre a existencia do xacemento, e aseguran que o papel do Servizo de Patrimonio de Lugo e do arqueólogo municipal “debera ser denunciar” a actividade lesiva da canteira diante da Consellería de Cultura “no canto de solicitar a baixa no catálogo”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...