A Rede do Patrimonio Cultural, colectivo que agrupa a ducias de asociacións galegas que traballan a prol da conservación dos bens patrimoniais, insta a Sargadelos a “dar exemplo” e cumprir “as leis e os mandatos” da normativa patrimonial.
A empresa acometeu o pintado dunha cornixa da fachada da fábrica de Cervo, catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC) en 2014, sen o preceptivo permiso da Consellería de Cultura e sen a licenza municipal outorgada polo Concello de Cervo, segundo avanzou Mariña Patrimonio.
CULTURA RESOLVERÁ
Segundo puido saber o Xornal da Mariña, o goberno municipal de Cervo requeriu a Sargadelos a paralización das obras. A documentación foi remitida á consellería de Cultura, que resolverá se considera oportuno ou non obrigar ao grupo empresarial a devolver a fachada da planta circular, deseñada polo prestixioso arquitecto Andrés Fernández-Albalat, ao seu estado orixinal, co formigón ao aire.
A dirección da empresa, pola súa banda, sinalou que os motivos do pintado da cornixa “respectan a identidade” de Sargadelos e mesmo asegurou que a declaración do centro produtivo como BIC supón “un incordio” para o grupo empresarial.
SOLIDARIDADE CON MARIÑA PATRIMONIO
A Rede de Patrimonio Cultural expresa a súa solidaridade coa asociación Mariña Patrimonio, á que o conselleiro delegado de Sargadelos, Segismundo García, cualificou de “banda“. “Os bens patrimoniais son responsabilidade de todos e aplaudimos o traballo desta agrupación”, expón.
O colectivo móstrase “ingratamente soprendido” polas afirmacións da empresa sobre a condición de BIC da fábrica. “Debera estar orgullosa do tesouro herdado de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo“, remarca.
“COMO CALQUERA CIDADÁN OU EMPRESA”
Así, pide “unha rectificación” a Sargadelos, que debe “consultar ao arquitecto autor dun edificio emblemático”, ademais de “solicitar a preceptiva licenza municipal e autorización da Xunta de Galicia, como calquera cidadán ou empresa. Sargadelos debe dar exemplo perante outras empresas de menor relevancia cultural e cumprir as leis e os mandatos que esixe calquera intervención no patrimonio”, indica.