InicioM.ambiente e PatrimonioA alteración do tráfico, escollo para poñer en valor a sauna castrexa...

A alteración do tráfico, escollo para poñer en valor a sauna castrexa da Atalaia

Os arqueólogos que supervisaron as obras de saneamento que descubriron a estrutura elaboran un informe co que Patrimonio e o Concello decidirán se continuar a escavar o xacemento

Publicada o

- Advertisement -

Concello de Cervo e Dirección Xeral de Patrimonio decidirán que medidas tomar sobre o novo achádego no castro da Atalaia, en San Cibrao, onde a pasada semana as obras de saneamento do Porto de Arriba descubriron a sexta sauna castrexa atopada en Galicia.

A empresa de arqueoloxía contratada para revisar os traballos de substitución das canalizacións de fibrocemento por outras de PVC ocuparase nos días seguintes da elaboración dun informe sobre a importancia arqueolóxica do xacemento, que remitirá tanto á Consellería de Cultura como ao goberno local cervense.

“ESTRUTURA DE SUMO INTERESE”

O director de Axa Arqueoloxía, Emilio Ramil, non ten dúbidas sobre “o interese” dos restos, que confirma como unha sauna castrexa. “Non segue o modelo típico e ademais houbo reformas, como en moitos outros edificios, pero existe un monólito que se corresponde cunha pedra formosa e restos dun banco corrido, dun tanque e dun forno” que reforzan a principal hipótese de traballo, expón o especialista.

Ao longo dos últimos días, o equipo de Axa Arqueoloxía continuou coa compilación de imaxes para completar o material de estudo e tamén se realizaron traballos de topografía. Os resultados do dossier, sen valor vinculante, orientarán ás Administracións autonómica e local, que decidirán sobre a viabilidade da posta en valor dun xacemento que está ubicado nun espazo urbanístico.

AS OBRAS, PARALIZADAS

“É problemático”, lamenta Ramil, “porque este lugar alberga unha estrutura sumamente interesante, pero está situada no medio dunha rúa municipal, cinguida polas casas, o que topa cos intereses dos veciños, que son da máxima relevancia”. A aparición do xacemento obrigou á paralización das obras de saneamento, adiadas ata a toma dunha postura sobre o mesmo.

Estancia da sauna da Atalaia. MARIÑA PATRIMONIO

Con todo, o principal escollo para a posta en valor do xacemento non sería a procura dunha canalización alternativa, que o alcalde ve factible, senón a alteración do tráfico nunha rúa de dirección única que ofrece unha saída da zona do faro cara o centro do pobo.

“Entendemos que o tránsito rodado na rúa é incompatible coa promoción deste sitio arqueolóxico, así que seguramente ese sería o principal problema a resolver. En todo caso, procederase á catalogación do atopado e agardaremos a que sexan os arqueólogos os que indiquen o seu valor, para buscar con Patrimonio e coa veciñanza unha solución de consenso en función dos datos“, expón o rexedor, o popular Alfonso Villares.

SÓ CINCO EN GALICIA

De confirmarse o achádego que os arqueólogos dan por feito, a da Atalaia sería a sexta sauna castrexa atopada en Galicia, nun singular estado de conservación, cunhas alturas da estrutura nada comúns, próximas nalgunhas estancias aos catro metros entre o tellado e a soleira.

Ademais de en varias zonas de Portugal e Asturias, este tipo de edificacións documentáronse en Borneiro (BergantiñosA Coruña), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), A FonsagradaCedeira e en EspasanteOrtigueira.

Desde 2008, a partir dos testemuños da veciñanza sobre unha antiga escavación realizada nos anos 70 por Eduardo Chamoso Lamas, e da consulta a especialistas, a asociación Mariña Patrimonio defendeu a teoría de que elevación de San Cibrao gardaba unha sauna castrexa e instou a Patrimonio a poñer en valor o xacemento.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...