O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou este sábado a orde de demolición do esqueleto ubicado no castro da Atalaia.
O rexedor popular precisou que os propietarios deben executar o derrubamento nun prazo de tres meses. En caso contrario, procederiase á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas entre 1.000 e 10.000 euros.
Villares explicou que o Concello dá este paso definitivo tras resolverse “nestes días” o expediente de reposición da legalidade urbanística iniciado en febreiro de 2019. O trámite, aclara, “ratifica que as obras non poden continuar porque non existe ningún permiso en vigor que as ampare”.
En decembro pasado, xa se establecera a caducidade da licenza outorgada polo Concello á empresa Promociones San Ciprián en 2006, en pleno boom inmobiliario.
PLAN DE PROTECCIÓN DO CASTRO
O alcalde cervense sinalou que “se están a dar pasos firmes” para “recuperar a zona e devolvela ao seu estado orixinal, poñendo en valor o Castro da Atalaia”, documentado en 2005 e inventariado por Patrimonio no ano 2007.
O Concello de Cervo presentou en setembro pasado un Plan Especial de Protección do Castro que delimita a zona afectada e regula a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superfie a preservar, 20.000 metros cadrados.
SAUNA CASTREXA
O pasado 7 de xuño, as obras de renovación de saneamento da zona do Porto de Arriba deixaron ao descuberto un edificio que os arqueólogos consideran a sexta sauna castrexa documentada en Galicia.