InicioM.ambiente e Patrimonio"Facer da sauna castrexa da Atalaia un museo subterráneo custaría millóns"

“Facer da sauna castrexa da Atalaia un museo subterráneo custaría millóns”

O arqueólogo Emilio Ramil, director da excavación do xacemento, ofrecerá este martes unha charla para informar do valor patrimonial do ben

Publicada o

- Advertisement -

O arqueólogo Emilio Ramil, da empresa Axa, falará este martes en San Cibrao (casa da cultura, 20.00 horas) sobre a sauna castrexa redescuberta na Atalaia no pasado mes de xuño durante unhas obras para substituír as antigas canalizacións de fibrocemento no Porto de Arriba.

O xacemento foi excavado no 1974 por Manuel Chamoso Lamas e posteriormente tapado. Desde o 2008, Mariña Patrimonio advertira -a partir dalgunhas novas que publicara El Progreso e dos testemuños dos veciños máis veteranos- da existencia do xacemento. A cata dirixida por Ramil por mor do control das obras de saneamento documentou a sauna e o especialista informará á veciñanza do municipio sobre as características e o valor do atopado.

Tamén tomará a palabra o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, que intervirá para explicar as xestións realizadas polo Concello para a protección deste ben patrimonial. Xornal da Mariña entrevista ao director da intervención arqueolóxica.

Emilio Ramil, á dereita. CASTELO DO CASÓN

 

P. Cal é a intención da charla?

Unha vez está listo o informe arqueolóxico sobre o xacemento, queremos informar á veciñanza do concello de Cervo de que hai aquí, que saiban o que teñen na rúa. Hai interese da xente, o goberno local tamén quere dar a coñecer o achado, a asociación Mariña Patrimonio ten interese… De xeito que explicaremos o que atopamos.

CARACTERÍSTICAS

E que atoparon na Atalaia?

Temos unha sauna castrexa modificada, é dicir, que foi utilizada moito despois da súa construción e alterada en función dos intereses posteriores. Temos documentadas varias dependencias, cun tanque ou piscina a carón dun forno con restos de carbón, un banco corrido, e tamén se atoparon cantos rodados. Nos fornos das saunas castrexas quéntanse este tipo de pedras, que ao contacto coa auga fría, producen vapor.

“ESTE VENRES ATOPAMOS UNHA SEGUNDA PEDRA FORMOSA, QUE SERÍA O PECHE DA CÁMARA”

Tamén tiñamos documentado un monólito duns dous metros, o que se soe chamar pedra formosa, que en Portugal se atopa decorada. Hoxe, ademais (por este martes), atopamos un segundo gran bloque de pedra, que viría a ser o peche da cámara. Estas dúas rochas enormes terían un espazo para que o usuario se coase, e servirían para que non se perdese a temperatura.

Parede cunha porta de 1,6 metros de altura. MARIÑA PATRIMONIO

CONSERVACIÓN EXCEPCIONAL

O estado de conservación é inusual. 

Si. O estado de conservación é excepcional, cunhas alturas que non se soen dar, pois temos desde o tellado ata o lousado, o que fai da sauna un xacemento moi interesante.

“A CONSERVACIÓN É EXCEPCIONAL. TEMOS TODA A ALTURA DO EDIFICIO, DESDE O TELLADO ATA O SOLO”

Por que se conserva tan ben?

Cando a excavamos atopámonos con que sauna estaba cuberta de area, o que axuda á conservación do xacemento.

En que época se construíu?

A datación concreta aínda non a sabemos con exactitude, pois non se completou a analítica de carbono 14. Si que podemos dicir que hai saunas castrexas desde alomenos o século III antes de Cristo, e outras de época galaico-romana.

TRES SAUNAS CASTREXAS EN MARIÑA-ORTEGAL

Cantas saunas castrexas hai en Galicia?

Documentáronse estas edificacións en Borneiro (BergantiñosA Coruña), Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), A FonsagradaCedeira e en EspasanteOrtigueira.

Tres delas apareceron pois na Mariña-Ortegal.

Non parece unha casualidade. Que teñamos saunas castrexas en Cedeira, Ortigueira e San Cibrao fainos pensar que os castros costeiros peninsulares dunha certa entidade poderían ter todos a súa sauna.

POSTA EN VALOR

Hai moita expectación, dado o seu interese patrimonial, por saber se se poñerá en valor o xacemento.

Temos que ser conscientes de que é unha situación moi complexa. A sauna apareceu no medio das casas, nun lugar no que topa cos intereses lexítimos dos veciños. Hai por un lado un problema de acceso ás vivendas, por outro está o saneamento. Son servizos polos que a veciñanza paga e aos que ten dereito. Obviamente, non me corresponde tomar esa decisión, que é das Administracións, pero creo que temos que entender que é unha cuestión difícil.

Lousado. MARIÑA PATRIMONIO

Pero vostede é unha voz autorizada. Que posibilidades hai?

Alternativas sempre hai, pero a única que me parece factible sería a de soterrar o xacemento, mantendo a rúa por riba. Doutro xeito estariamos a falar de prescindir dunha vía.

“PARA FACELA VISITABLE SÓ VEXO UNHA ALTERNATIVA, SOTERRALA. SENÓN HABERÍA QUE RENUNCIAR Á RÚA”

Existen exemplos en Madrid ou en Barcelona, pero para facer visitable un xacemento no subsolo falamos dun investimento de millóns de euros que normalmente teñen nos concellos das grandes cidades.

O Concello anunciou a súa intención de poñer en valor o castro da Atalaia. Que se pode agardar atopar nesta zona?

O xacemento da Atalaia ten arredor de seis hectáreas, é un lugar de asentamento humano moi antigo e que continuou durante a época medieval. Seguro que hai moitas cousas interesantes e se están debaixo de area, tamén bastante ben conservadas. O problema é que falamos dunha zona urbana, na que viven moitos veciños.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...