Concello de Viveiro e Partido Popular (PP) polemizaron unha vez máis polo estado da praia de Covas, que os conservadores cualifican de “selva”, mentres que o goberno local asegura que está a realizar trámites para limpar a vexetación que prolifera no areal, unha actuación que se dilata dado que “require da conformidade das administracións competentes”.
O executivo municipal admitiu “a necesidade de eliminar as herbas”, pero lembrou que “os ecosistemas dun areal están superprotexidos” e que “aínda que falemos dunha zona que non é Rede Natura non se pode actuar sen máis”.
A alcaldesa, a popular María Loureiro, expón que “a Xunta de Galicia levou a cabo o ano pasado unha campaña de eliminación de unlla de gato e este ano o Concello está realizando os trámites para facer unha limpeza. Trátase dunha actuación complexa, que require da conformidade das administracións, e resalta que se está “a traballar na memoria”.
“CUESTIÓN DE SALUBRIDADE”
Os populares de Viveiro aseguran que motivaron a moción presentada no pleno, respaldada por Son Viveiro, “queixas dos veciños” dado que o areal está “inutilizado” pola vexetación que medra no areal “de xeito incontrolado” e pola “acumulación de lixo. Se non se actúa, logo será unha selva”, argumenta o voceiro conservador, Óscar Rodríguez.
O PP viveirense cre que se trata dunha cuestión de “salubridade” e de “seguridade”, e agregan que a limpeza debera realizarse “ata o dique, dado que a praia de Covas se estende máis alá da zona urbana”.
“REFERENTE SOCIO-ECONÓMICO”
“Este areal foi durante anos un dos espazos naturais de referencia de toda a cornixa Cantábrica e un gran reclamo para os visitantes”, lembran os populares, que salientan que a praia “ten unha repercusión moi importante no ámbito socio-económico do municipio”. Deste xeito, instan ao executivo a “asumir a súa responsabilidade” e a realizar as solicitudes pertinentes “a outras administracións, que non se van negar sempre que os labores garantan o respecto ao medio ambiente”.
Os populares reclaman realizar as dilixencias necesarias para acadar unha total adecuación “deste paraíso natural” incluíndo “os labores de limpeza, desinfección, recollida selectiva de residuos a pé de praia, eliminación das herbas que invaden o areal conservando as dunas no seu estado natural”.
“FRACO FAVOR” DO PP A VIVEIRO
O executivo municipal, pola súa banda, rexeita que a praia estea en situación de abandono cando “conta coa certificación da Asociación Española de Normalización y Certificación (AENOR), a Q de Calidade, a ISO-14001 e EMAS”. No tocante á auga, sinala que a clasificación final é de “excelente”.
Loureiro considera que os populares mesturan “a degradación da praia, “competencia de Portos de Galicia e Costas”, e a limpeza da mesma, o que ao seu xuízo “fai a Viveiro un fraco favor nesta época turística”.
O Concello insiste en que a praia “límpase todos os días” e que tamén “realiza unha recollida selectiva de residuos”. Respecto do volteo de area, “faise mecanicamente cada dez ou 15 días, entendendo que non é necesario facelo con máis frecuencia, en vista do que din as directrices europeas a nivel medioambiental”.
Con respecto á canalización da desembocadura dos ríos de Loiba e Cantarrana, o executivo municipal expón que están en tramitación solicitudes de limpezas realizadas a Augas de Galicia.
O PLAN ECONÓMICO DO BNG, REXEITADO POLO GOBERNO
Por outra banda, o Concello rexeitou unha moción do Bloque Nacionalista Galego (BNG) que tivo o apoio dos demais partidos da corporación para a elaboración dun plan económico municipal en materia de investimentos a catro anos, 2019-2023.
Segundo expuxo a voceira nacionalista, Miriam Bermúdez, a moción contaba co apoio veciñal e obtivo oito votos a favor, polos outros oito do executivo municipal, decidindo o voto de calidade da alcaldesa. A líder da formación frontista cre que o non do Concello aboca ao municipio “a catro anos de improvisación” e que o resultado da votación “evidencia a falta de maioría do goberno local”.
Loureiro, pola súa banda, xustificou a negativa en que o Concello ten “unha folla de ruta e unhas prioridades” que foron “validadas pola veciñanza nas eleccións municipais” e que “atarse” cun plan económico a catro anos é “non entender que dependemos de orzamentos anuais e subvencións ante a falta de liquidez de Viveiro”. Con todo, a rexedora asegurou que nos “asuntos centrais” implicará “ás restantes forzas políticas da corporación”.