EFE. O grupo Sargadelos finalizou os seus traballos de limpeza e repintado do exterior da planta de produción -dedicada tamén ao control e xestión das factorías- que a firma galega ten na localidade lucense de Cervo.
Desde a empresa lamentaron que “tales traballos de restauración e pintura se visen entorpecidos, encarecidos e atrasados pola denuncia do colectivo Mariña Patrimonio que, con desfachatez e atrevemento dignos de mellor causa, acusaban á empresa de transformar e desvirtuar tan emblemático edificio”.
Pola contra, segundo indicaron desde Sargadelos, “a Consellería de Cultura non puxo ningunha obxeción aos traballos realizados”, dado que as obras, dirixidas polo departamento de deseño da empresa, “só pretendían visibilizar e actualizar o espírito constructivista e innovador que sempre presidiu o quefacer da marca”.
De feito, ditas obras de renovación “continúan a tradición muralística da empresa”, aseguran desde Sargadelos, a través de dous novos deseños que se realizaron “seguindo os códigos formais característicos da firma”.
EXPEDIENTE POR NON PEDIR PERMISO
Mariña Patrimonio denunciara que Sargadelos pintara sen autorización da Xunta e do Concello a planta circular, considerada como Ben de Interese Cultural (BIC) e realizada no 1968 polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat.
De feito, a propia Xunta de Galicia anunciou que abrira expediente sancionador a Sargadelos por pintar o inmoble sen a debida autorización. Os propietarios dos edificios catalogados como BIC -Sargadelos éo desde 2014- teñen que pedir permiso para poder facer calquera tipo de variación neste sentido.
A Xunta cualificou de “infracción administrativa” este feito, facendo fincapé no incumprimento do deber de solicitar permiso e non nunha suposta alteración do ben de interese cultural, tal e como denunciaba Mariña Patrimonio.
Fernández-Albalat, baixo a tutela de Isaac Díaz Pardo, dispuxera as partes pintadas con formigón á vista, mentres que o grupo empresarial xustificou o pintado polo “deterioro” da edificación. Fontes de Mariña Patrimonio preferiron non contestar ás acusacións do grupo empresarial.
VISITAS GUIADAS
Desde Sargadelos tamén quixeron destacar o éxito das visitas guiadas realizadas ao longo dos meses de xullo e agosto nas plantas que a empresa posúe en Cervo e Sada, nas que se rexistraron medias superiores aos “douscentos visitantes diarios”.
SUBMARIÑO ‘ELESEDE-51’
Así mesmo, a emblemática firma galega valorou a boa acolleita que ha ter a súa nova figura ‘Elesede 51‘, dedicada aos Beatles, e cuxa primeira remesa “esgotouse na primeira semana”.