InicioM.ambiente e PatrimonioBarreiros quere involucrar ao Goberno central na construción da nova depuradora de...

Barreiros quere involucrar ao Goberno central na construción da nova depuradora de San Miguel

O executivo local mantén a recomendación de non bañarse en Arealonga, onde a taxa de enterococo é de 2.000 unidades por cen mililitros

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Barreiros anunciou que solicitou unha reunión ao Goberno central, en concreto ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao Secretario de Estado de Medio Ambiente, para trasladarlles “a necesidade de colaboración entre administracións” para acadar unha solución aos problemas coa depuración de augas residuais de San Miguel de Reinante e Santiago de Reinante, que segundo o goberno local pasa pola construción dunha nova depuradora.

A alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, a segunda tenente da alcaldía, a socialista Carmen Veiga, asinaron unha carta que expón que “o problema, que se ten determinado hai anos”, solucionaríase “coa construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) en San Miguel que daría solución a ambas parroquias”.

O executivo barreirense lembra que “hai un proxecto elaborado por Augas de Galicia” para a construción dunha nova depuradora, cun investimento de máis de 3,3 millóns de euros, unha cantidade “imposible de afrontar para esta administración local”.

O Concello entende que a solución desta problemática tamén require da implicación do Executivo estatal, dado que “a localización dos puntos de vertedura actuais son en zonas moi próximas á praia, mesmo a lugares tan emblemáticos como os areais de Augas Santas ou As Catedrais, e mesmo en Rede Natura, o que supón uns impactos tanto ambiental como turístico negativos; a maiores dos evidentes de saúde pública que se detectan nas analíticas realizadas pola administración competente”, precisa.

Así, consideran que a obra a acometer é “urxente” e que o propio Goberno central “ten interese en que devanditos problemas poidan solucionarse no menor tempo posible e, dese modo, evitar un deterioro maior da nosa costa e do propio medio ambiente“.

PETICIÓN Á XUNTA

O goberno local trasladou a súa petición de colaboración á Xunta de Galicia a pasada semana. O Executivo autonómico mostrouse “aberto a colaborar”, pero eludiu a “responsabilidade” sobre esta cuestión pois, argumentou, “o saneamento é competencia exclusiva dos gobernos locais”.

A alcaldesa barreirense agarda que “os intereses xerais da veciñanza estea por riba de todo e todas as administracións se impliquen en facer posible a solución”. Así, asegura que a intención do executivo local é “petar en todas as portas que fagan falta”.

AREALONGA, PENDENTE DE MÁIS PROBAS

Por outra banda, o Concello mantén a recomendación de non bañarse na praia de Arealonga, despois de que a Consellería de Sanidade detectase ao longo da pasada semana deficiencias na calidade da auga do areal.

Unha nova analítica realizada esta semana deixou unha taxa de 2.000 unidades de enterococo intestinal, unha bacteria fecal, por cada cen mililitros de auga. Son valores de contaminación microbiolóxica por riba dos normais (entre 600 e 1.000).

Así, a administración local mantén a recomendación de non utilizar o areal para o baño, á espera de novas probas que se realizarán a vindeira semana.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...