O cadáver dunha balea alibranca foi atopada o pasado domingo na praia de Llas, no municipio de Foz, segundo informou a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).
Segundo confirmou a coordinadora, o corpo do animal varado en Foz é o dun macho duns cinco metros de lonxitude de rorcual alibranco ou balea alibranca. Un exemplar desta mesma especie estivo a piques de varar este verán na praia do Torno de San Cibrao, uns días antes de aparecer morto preto do areal de Limosa.
Especialistas da Cemma realizarán esta tarde a necropsia, aínda que é probable que a balea falecese polos problemas ocasionados por un aparello de pesca de palangre que lesionou a aleta caudal, na cola do animal, que lle serve para propulsarse.
“Probablemente engrellouse e logrou librarse, pero levou parte do aparello, o que lle iría causando esgotamento e unha morte con bastante sufrimento”, lamenta Alfredo López, biólogo da Cemma.

AUMENTO DOS VARAMENTOS
Trátase dun caso pouco frecuente, aínda que desde a coordinadora chaman a atención sobre a cantidade de varamentos que se están a producir este ano en Galicia. “Este 2019 levamos arredor de 380, dos que entre 100 e 120 foron en verán, unha cifra que non é habitual para nada”, expón López.
A ONG non é capaz por agora de dar unha explicación a este fenómeno, pero incide na de que moitos destes animais estaban vivos ao varar nas praias. “Pódese deber a unha enfermidade, pero non temos unha conclusión sobre esta cuestión”, explica o biólogo.