InicioM.ambiente e PatrimonioDenuncian que a Xunta "pon en perigo" castros en Xove ou Ribadeo...

Denuncian que a Xunta “pon en perigo” castros en Xove ou Ribadeo por erros ao revisar a súa delimitación

Adega e Mariña Patrimonio alertan que os límites reais de varios xacementos non coinciden cos incluídos no visor de aproveitamentos forestais, o que os deixa "sen protección" ante cortas

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e Mariña Patrimonio denuncian que a Xunta de Galicia “pon en perigo” numerosos xacementos arqueolóxicos ao publicar información errada sobre a súa delimitación xeográfica, entre eles o Castro do Coto da Vela (Xove) ou oito castros no municipio de Ribadeo.

As dúas asociacións afirman que “no pasado mes de abril, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, en colaboración coa Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de Cultura e Turismo, actualizaba o visor de aproveitamentos forestais da Xunta. Un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un investimento de 1,1 millóns de euros, era o de revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos Bens de Interese Cultural e doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros, mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede”, concretan.

“A información contida neste visor ten carácter oficial, polo que unha correcta actualización da mesma facilitaría aos propietarios forestais a consulta sobre a existencia de elementos patrimoniais naqueles predios nos que se dispoña a realizar algún labor forestal, así como os trámites de autorización”, continúan Mariña Patrimonio e Adega.

Os dous colectivos detectaron, con todo, que os lindes marcados “dun considerable número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas arqueolóxicas que deberan estar protexidas. Os erros detectados, malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do territorio galego e resulta especialmente rechamante que os límites de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral de Ordenación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM”, salientan.

O CASTRO DA VELA, DE SEIS HECTÁREAS A 0,45

Exemplos son, alertan, “o caso do concello de Ribadeo onde, dos oito castros catalogados no seu PXOM, sete están mal delimitados no visor. Outro caso significativo é o do Castro do Coto da Vela do concello de Xove que, segundo o visor xeográfico da Xunta, conta cunha superficie de 0,45 hectáreas, cando en realidade ocupa unha extensión de 6 hectáreas, deixando 5,55 hectáreas do castro sen protección“.

Adega e Mariña Patrimonio anuncian que veñen de solicitar á Consellaría de Medio Ambiente que retire de toda circulación pública, tamén do visor de aproveitamentos forestais da Xunta, a información xeográfica presuntamente “actualizada” do Patrimonio Cultural de Galicia, mentres a Consellaría de Cultura non faga unha profunda e completa revisión desa información e non repare os erros de delimitación e xeolocalización atopados.

Así mesmo, os colectivos requiren tamén á Consellaría de Medio Rural que non outorgue autorizacións para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non estea garantida a protección e a correcta delimitación de xacementos e doutros elementos patrimoniais.

OS PROPIETARIOS FORESTAIS PODERÍAN ARRISCARSE A “ELEVADAS SANCIÓNS”

“Doutro xeito, tanto a Consellaría de Medio Rural como a de Cultura poderían estar favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos e que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións. Podería darse o paradoxo de que os propietarios de monte que consulten o visor de aproveitamentos forestais da Xunta para determinar a presenza dalgún xacemento arqueolóxico nas súas fincas acaben sendo sancionados por infraccións en materia de protección patrimonial ao afectar algún xacemento mal delimitado pola Xunta. Mentres non se realice a revisión da actualización dos datos dos límites xeográficos dos elementos patrimoniais do país, deberían prevalecer os que figuran nos Plans Xerais de Ordenación municipal ou no Plan Básico Autonómico”, conclúen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...