O BNG denuncia que a Xunta tardou “cinco días” en notificar que Rueta non era apta para o baño

O Bloque di que bañistas "utilizaron o areal" sen saber que non era apto; o Concello sostén que informou ao recibir a notificación e acusa aos nacionalistas de "danar a imaxe do municipio"

Praia de Rueta. TURISMO GALICIA

O BNG de Cervo e o Concello cruzaron este luns acusacións trala polémica suscitada pola contaminación microbiolóxica detectada na praia de Rueta, unha situación que o goberno local atribuíu ás chuvias do pasado 12 de agosto, mentres que a formación nacionalista achacou os niveis de bacterias fecais detectados ao “abandono” da depuradora das Quintas. A Xunta de Galicia recomendou non bañarse no areal, aínda que analíticas posteriores fixeron que se levantase a recomendación.

O BNG cervense cualificou de “peregrinas e inasumibles” as explicacións do goberno muncipal e pon en dúbida as afirmacións da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, sobre a colocación de advertencias no areal, “que ninguén viu”.

Para os concelleiros nacionalistas, Diego Fernández e Xorxe Caldeiro, “toda a veciñanza sabe que o Río Xunco dende a depuradora das Quintas até a súa desembocadura na praia de Rueta convértese en cloaca pola nefasta xestión do goberno local da depuradora, que recoñecen ten un sistema de depuración ambientalmente modélico, mais estragado polo deixamento e abandono do goberno do PP“.  

A FORMACIÓN FRONTISTA INSTA A BALSEIRO A “DAR EXPLICACIÓNS”

O BNG local reclama ao goberno municipal que aclare cando foron colocadas as advertencias sobre a contaminación do areal, “se na data na que se fixo a analítica (12 de agosto) ou o día 17 que chegou ao Concello a notificación da Delegación Territorial da Consellaría de Sanidade en Lugo advertindo da contaminación do areal”.

Chama a atención, continuou Fernández, “que as redes sociais do Concello, e a recén estreada páxina dedicada ao medio ambiente, non se aproveitaran para lanzar avisos sobre a situación”. 

O BNG cervense considerou que a Delegación Territorial da Xunta, dirixida por outro cervense, José Manuel Balseiro, “deberá dar explicacións sobre a espera da notificación formal entre o día 12, no que se tomaron as mostras de auga, e o día 17 ás 10 da mañá que foi comunicada por fax ao Concello; curiosamente un día despois de que outras analíticas no areal deran resultados óptimos para o seu uso”. Para os concelleiros nacionalistas “esa marxe de cinco días na comunicación dunha incidencia deste tipo e inaceptable” e supón unha “irresponsabilidade grave”, xa que durante este tempo “foron moitas as persoas, locais e visitantes, que fixeron uso da praia en condicións non aptas para o baño”.

O GOBERNO LOCAL: “RECIBIMOS AVISO A ÚLTIMA HORA DO 17 DE AGOSTO”

Pola súa banda, Méndez, asegurou que os concelleiros nacionalistas “viven instalados nunha campaña de difamación contra o Concello, a costa incluso de danar a súa imaxe, a imaxe das nosas praias, neste caso”; en referencia ao episodio de E.Coli que superou xa a praia de Rueta, “perfectamente apta para o baño”, e que “afectou a unha vintena de praias galegas a raíz da gran cantidade de chuvia caída en días pasados“.

Sobre a crítica do Bloque cervense, Méndez manifestou que o cartel no que se desaconsellaba o baño na praia de Rueta foi instalado polos traballadores municipais “o día 18 de agosto no panel informativo do areal, logo de recibir o aviso da Consellería de Sanidade a última hora do 17 de agosto”.

A DEPURADORA “FUNCIONA CORRECTAMENTE”

A concelleira de Medio Ambiente cualificou o “xogo sucio” a crítica dos nacionalistas, “que tan só buscan desacreditar ao equipo de goberno. A veciñanza sabe que todos os areais do municipio gozan dunha calidade excelente e son un dos principais atractivos do noso municipio”, argumentou. Respecto da depuradora de Cervo, a edil sostén que “as analíticas que se practican na depuradora de Cervo, que é ecolóxica, acreditan o seu adecuado funcionamento“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here