O concelleiro de Turismo de Burela, Ramiro Fernández Rey, valorou o campamento de espeleoloxía que a pasada fin de semana se desenvolveu no municipio e considera que a zona do Cantiño se pode converter nun imán de atracción turística.
O edil burelao contou que “segundo nos contan os responsables, nas prospeccións e nas visitas que fixeron á zona do Cantiño encontraron un montón de covas, nalgunhas viron cousas moi interesantes que non tiñan previsto atopar. Fixeron unha primeira observación de todo o que temos alí, non lles deu tempo a ver todo porque ademais o tempo non acompañou moito para poder facer esas visitas con certa seguridade. Pero van volver facer outra inspección con máis detemento. Téñenas topografadas e vannos facer un primeiro estudio de todo o que viron alí e presentarano no Concello para explicarnos o que temos nesa zona”, precisou.
PROXECTO DUN PARQUE ESPELEOLÓXICO NA MARIÑA
Fernández Rey lembrou que “incluso están falando de facer un parque espeleolóxico dentro dun proxecto que van presentar na Mancomunidade, que estaría englobado coas covas do Rei Cintolo, de Mondoñedo, e as minas da Pontenova. Ese é un proxecto que teñen en mente e desde logo o Concello de Burela vai intentar apostar por estar aí e todo o que se encontrou que poida ser interesante tanto arqueoloxicamente como para visitar imos apostar por el, porque entendemos que é unha zona que ten moitos recursos para poder ser un imán turístico ou incluso de temas sobre xeoloxía para todos os que queiran vir aquí”.