O Concello de Cervo iniciou os trámites para declarar a caducidade da licenza urbanística do esqueleto que está ubicado na zona da Atalaia.
O procedemento que iniciou o goberno local cervense, logo de reunir informes da Policía Local e da oficina técnica, supón a ratificación de forma legal de que as obras iniciadas pola empresa Promociones San Ciprián non cumpriron os prazos de finalización estipulados na licenza e non poden continuar.
O executivo municipal quere derrubar o esqueleto e tamén o edificio de vivendas deshabitado que hai ao seu carón, construído hai máis de trinta anos.
PLAN DE CONSERVACIÓN
Trátase do segundo paso para preservar o castro que se ubica na zona, dentro dun plan de conservación do mesmo redactado polo goberno local.
O mencionado proxecto delimita a zona afectada polo xacemento, inventariado no 2007, cunha superficie de 20.000 metros cadrados.
Entre outros aspectos, o documento regula a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superficie a preservar e fixa as normas xerais de urbanización e infraestruturas neste ámbito protexido.