O Concello de Viveiro informou a través dun comunicado de prensa do inicio da obra ‘Memoria valorada para escavación arqueolóxica e posta en valor de garita e a súa contorna en Monte Faro’.
Con esta actuación, concreta o executivo municipal, preténdense potenciar os restos de muros existentes na zona, que formaban parte dunha antiga construción supostamente destinada a garita de vixiancia, situada no Miradoiro de Monte Faro, “onde o Concello de Viveiro xa realizara unha serie de obras en 2019, contribuíndo deste modo a unha maior potenciación e activación turística do lugar”, resalta o executivo municipal.
Esta segunda intervención no Mirador de Monte Faro para poñer en valor estos restos antigos “plantéxase neste momento ao considerar, durante a execución das obras anteriores, a conveniencia e necesidade de realizar no entorno dos mesmos unha intervención arqueolóxica co obxecto de garantir, no seu caso a, existencia e conservación de elementos que poidan contar con valor histórico, etnográfico ou arqueolóxico“, indica o goberno viveirense.
ORZAMENTO DE CASE 18.000 EUROS, COFINANCIADO POLA XUNTA
“Unha vez que se realice o estudo arqueolóxico e garantizada a posible seguridade en caso de valor histórico dos muros antigos existentes, a posta en valor dos mesmos aumentaría en gran medida o valor como recurso turístico da zona, dado que sería un elemento singular dos poucos que quedan na costa galega“, prosegue.
Esta obra, cun orzamento de contrata de 17.926,76 euros, é subvencionada pola Axencia Turismo de Galicia, que financia o importe de 11.652,39 euros, correspondendo á aportación municipal o importe restante, por un total de 6.274,37 euros.