InicioM.ambiente e PatrimonioA Mariña Sen Plástico, a asociación que quere concienciar de que o...

A Mariña Sen Plástico, a asociación que quere concienciar de que o mar non é un vertedoiro

O colectivo, de recente creación, anima a anotarse nunha limpeza da praia de San Pedro, en Cangas de Foz, que realizará o vindeiro domingo

Publicada o

- Advertisement -

Un grupo de veciños da comarca habituado a realizar limpezas voluntarias de praias e de espazos naturais vén de crear a asociación A Mariña Sen Plástico, que pretende por un lado colaborar no acondicionamento destas contornas e por outro concienciar sobre a necesidade de repensar a nosa actitude cotiá no tocante á xestión do lixo, para que lugares “puros e esenciais para a vida non sexan usados como vertedoiro“.

“Viñamos limpando praias pola nosa conta pero cremos que unha asociación fará que poidamos chegar máis lonxe, sumar máis xente, colaborar con outras agrupacións e institucións e ser máis efectivos”, expón unha das integrantes do colectivo, a burelá Sara Rey, que concreta que a asociación formouse “hai uns poucos meses” a partir dun grupo de traballo “que leva máis dun ano xuntos” en zonas como a praia dos Alemáns (Foz) ou Ril. Tamén realizaron unha limpeza no Perdouro coa activista ambiental Ana Baneira.

A seguinte limpeza, a primeira como colectivo, será o domingo, 11 de outubro, ás 15.30 horas, na praia de San Pedro, en Cangas de Foz, en colaboración co Concello de Foz, os Correcamiños 4×4 e Coge3.

Para participar, debido ao Covid-19, é preciso inscribirse a través do formulario que as persoas interesadas atoparán nas redes sociais da asociación (tanto Facebook como Instagram). É obrigatorio levar máscara de protección e recoméndase levar calzado de bo agarre, xa que o acceso é complicado e a praia é de pedras, así como luvas de traballo. As persoas interesadas en colaborar coa agrupación ou asociarse poden poñerse en contacto cos membros a través das mesmas canles.

UN PROBLEMA MEDIOAMBIENTAL E DE SAÚDE

A limpeza das praias e espazos naturais será un dos piares do proxecto, pero a asociación quere ir máis alá e facer un traballo de fondo de concienciación sobre a necesidade de coidar o medio ambiente. “De pouco serve limpar se non hai educación neste ámbito e polo tanto non se reduce a cantidade de plástico e de lixo que se acumula”, explica Rey, que concreta que o colectivo ten varias actividades en mente para acadar este propósito: charlas -especialmente cos nenos- sobre as consecuencias de certas actitudes e tamén sobre as alternativas aos plásticos ou unha exposición, máis a medio prazo, dos residuos máis estraños que se atopan nas limpezas.

Que soen encontrar? “Moitos obxectos da vida cotiá, como tampóns ou bastonciños dos oídos, cepillos de dentes, que se tiran polo váter.  Cremos que a xente non é consciente de todo o lixo que acaba no mar, pensamos que non se imaxinan para onde van. Tamén cartuchos de caza, que entendemos que baixan polos ríos”, argumenta.

Rey lembra que a xestión dos refugallos non se trata só dun problema medioambiental, senón de saúde, tanto dos animais mariños como do propio ser humano. “É importante que o lixo non remate no mar porque afecta a todo o ecosistema; moitos animais morren por quedar atrapados, feridos ou por comelo, e isto, polo tanto, aféctanos a nós directamente. Os peixes comen microplásticos e nós comemos o peixe. Estámonos danando a nós mesmos”, conclúe.

O CONCELLO DE CERVO CONVIDA A UNHA RECOLLIDA DE LIXO MAÑÁ XOVES

Por outra banda, o Concello de Cervo, a través das delegacións de Medio Ambiente e de Ecoloxía, anima á veciñanza a participar nunha nova acción enmarcada na campaña de concienciación medioambiental “Coida Cervo”, que terá lugar mañá xoves, entre as 11.00 e as 13.00 horas, na contorna do IES Marqués de Sargadelos. A iniciativa comunitaria prevista neste caso é un voluntariado de recollida de lixo e o punto de encontro será diante do propio centro educativo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...