A Plataforma Pro Residencia de Maiores de Ribadeo convoca ás familias dos residentes no xeriátrico ribadense, así como á veciñanza interesada no servizo, a unha xuntanza que se celebrará o vindeiro sábado, 5 de outubro, no lavadoiro da rúa Fornos, “para unha primeira toma de contacto e participación na asociación”.
“Coa nova residencia a pleno rendemento unha vez pasados os meses iniciais, cremos que é o momento de poñernos en contacto coas familias e a xente interesada en que os nosos maiores teñan a mellor calidade de vida”, explica.
Inaugurado o centro de maiores o pasado 14 de xuño, o colectivo unido para reclamar a consecución do servizo aspira a crear unha Asociación Pro Maiores que leve o nove de José María Rodríguez, cofundador de O Tesón e unha das persoas que máis loitou polo xeriátrico ribadense.
A nova agrupación aspira á “procura dun mellor desenvolvemento vital dos maiores en Ribadeo” e “á optimización das circunstancias materiais e metodolóxicas para o coidado dos maiores” do municipio. Así, pretende exercer de “contrapeso social” a posibles eivas na xestión ou no servizo do xeriátrico, unha vez o seu funcionamento está consolidado.
“A sociedade enteira, todo Ribadeo, debera acoller como súa a misión que a residencia teña o mellor funcionamento posible“, espuxeron desde a plataforma nun comunicado.
39 USUARIOS
O pasado martes, o xeriátrico ribadense celebrou o Día do Maior, con menú especial e actividades de animación tanto en horario matinal como na quenda de tarde. O centro de maiores, froito dun convenio entre o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo, atende a 39 usuarios.