O feminismo da Mariña Lucense reunirase o vindeiro domingo, 8 de marzo, en Foz, para celebrar o Día Internacional da Muller cunha manifestación que partirá ás 12.00 horas da Praza de Colón. A protesta pretende reivindicar a importancia dos coidados, asignados socialmente na inmensa maioría dos casos ás mulleres, para que a roda da vida siga xirando; un esforzo habitualmente non valorado nin remunerado, ou realizado por profesionais con condicións laborais precarias.
Sandra Saavedra, integrante do colectivo Galegas 8M, que organiza desde xaneiro o acto reivindicativo, fomentando a participación en vilas e parroquias, sinala que viu “moita vida, moito interese”, ao longo das reunións para preparar a manifestación. “Programar unha actividade con xente desde O Vicedo a Ribadeo ten a súa complexidade, pero tamén é moi enriquecedor. Penso que estes anos sementouse e estase a recoller agora os froitos do traballo”, asevera.
A incorporación das mulleres do rural fixo dar un salto ao movemento feminista nos últimos anos, aínda que para Saavedra ten un sentido natural. “As primeiras, aínda que non coñeceran o termo ou non se considerasen feministas, foron as que preguntaron por que non podían ter unha conta no banco ou non podían votar. Na aldea sempre houbo signos de rebelión e mulleres empoderadas. Somos porque elas foron”, zanxa.
Considera que a alta participación nos encontros débese ao tema central da manifestación. “Quizais, o dos coidados é un problema que nos toca a todas moi directamente, coidadoras somos todas, que tamén mulleres traballadoras, pero parece que o feito de ter ou non unha ocupación laboral fai cambiar esa consideración. Viña moita xente a informarse”, apunta.
32.700 MULLERES INACTIVAS POR ESTE MOTIVO
O movemento Galegas 8M quixo poñer este ano o foco nesa economía invisible. Calcúlase que o 90% das mulleres asumen coidados nas familias. Así, en parte por estas tarefas -xa que renuncian á carreira laboral-, elas representan o 72% das persoas inactivas en Galicia.
Fronte a 4.500 homes, 32.700 mulleres están inactivas na comunidade pola necesidade de coidar de persoas enfermas, discapacitadas, maiores e crianzas. Quenes manteñen a súa ocupación laboral asumen “un dobre ou triple traballo, se hai pequenos e anciáns”.
“É coma se estivesemos obrigadas a coidar por amor, pero todos amamos. As persoas temos que corresponsabilizarnos, asumir o traballo a partes iguais. É certo que con respecto ás crianzas nós temos a responsabilidade de afrontar o embarazo, os partos, pero un pode darse conta de quen pide días no traballo para levalas a unha consulta médica. Ocorre igual cos maiores ou enfermos. Pódese percorrer o Hospital da Mariña e ver que son as mulleres quenes, maioritariamente, se quedan a durmir cos pacientes”, expón Sandra Saavedra, integrante do colectivo.
Saavedra fai fincapé que, noutras ocasións, quen asumen os coidados de dependentes son mulleres profesionais que padecen condicións laborais precarias. Ao longo dos últimos anos, foi habitual a conflitividade laboral en residencias da Mariña pola falta de descanso ou polos baixos salarios. “Se para que eu poida acceder a unha carreira profesional unha migrante vai ter que asumir un soldo indigno coidando dos meus pais, iso non é feminismo”, remarca, para engadir que “é importante humanizar os coidados e combater os recortes, que que se teña en conta que as persoas non son números; nós defendemos un coidado humanizado, cercano”, expón.
CONTRA O CONSUMISMO
Outra das reivindicacións será o coidado da terra, facendo fincapé en saír da roda do consumismo. “Queremos unha vida que poida ser vivida. Cando consumimos produtos da terra, detrás dos que hai salarios dignos, cun respecto polo medio ambiente, coidamos do planeta. Temos que responsabilizarnos do mundo que deixamos e de que non necesitamos consumir tanto, esa especie de carreira ou competición por comprar. Hai que revertir esta situación agora ou máis adiante non vai ser posible”, argumenta.
PROGRAMA
Desde Ribadeo partirá unha caravana de coches ata Foz que fará unha parada en Barreiros. Trala manifestación, na que se verán mandís para reivindicar os coidados, ou lemas como ‘Sen coidados non hai vida‘ ou ‘Se non coidas, descoidas‘, haberá unha comida conxunta no porto. Finalmente, haberá actuacións musicais e unha foliada feminista, na que se lle dará unha volta á música tradicional para eliminar as letras machistas.
HABERÁ PROTESTAS EN CHANTADA, LUGO, MONFORTE, SARRIA E VILALBA
As Administracións fixeron diversos actos en celebración do Día Internacional da Muller, 8 de marzo. A fachada do Pazo de San Marcos loce desde este venres pancartas de cor violeta en reivindicación da igualdade entre homes e mulleres co lema ‘Querémonos vivas, libres e iguais, querémosvos vivas, libres e iguais’. Haberá outras protestas en Chantada, Lugo, Monforte, Sarria e Vilalba.
A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, animou a todas as persoas a saír a rúa para apoiar as mobilizacións do movemento feminista galego. Denuncia que “a carencia duns servizos públicos que atendan as necesidades dunha sociedade envellecida obrigan a que haxa mulleres que teñan que elixir entre a súa vida laboral e a atención a esas persoas”. Na subdelegación do Goberno, Isabel Rodríguez, a representante do Executivo estatal na provincia, leu este venres un manifesto.
“As máis de mil mulleres asasinadas, dúas delas este ano na nosa provincia; as agresións sexuais, os datos económicos sobre desigualdade retributiva, a falta de corresponsabilidade nos coidados, ou as batallas que aínda han de librarse por alcanzar a igualdade real, evidencian que o noso país debe poñerse á altura das lexítimas e perentorias demandas das mulleres”.
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña tamén respaldou a manifestación, facendo fincapé en que “toda a sociedade” ten que asumir os “traballos imprescindibles para a reproducción da vida, que a sociedade asignou ás mulleres”.