InicioCulturaSabela: "o respecto ás culturas e loitar por un rural vivo son...

Sabela: “o respecto ás culturas e loitar por un rural vivo son parte da miña vida”

A cantante pontesa, finalista de OT, será recibida polos seus paisanos este venres en Bravos

Publicada o

- Advertisement -

Nunha axenda que se intúe esgotadora, a cantante Sabela Ramil (As Pontes, 1993) fai un oco para responder ás preguntas do Xornal da Mariña.

Este venres, o concello de Ourol, a terra da súa familia e coa que sempre demostrou o seu compromiso, recibirá á finalista de Operación Triunfo (OT).

P. Como están a ser estes días “de volta á realidade”?

R. Moi ben. A verdade é que recibo moito cariño de toda a xente. Ás veces faise difícil acostumarse ao feito de que xa non teño o meu traballo coma antes, pero síntome moi agradecida por poderme dedicar en corpo e alma á música.

Dicía túa nai que as cousas que máis botabas de menos despois de tantos días na academia eran ir de compras e o caldo. Compensaches?

Compensei, sobre todo no caldo (ri).

Que balance fas do teu paso por OT?

Moi positivo, aprendín moito a nivel persoal e profesional. Ás veces era difícil o feito de non poder chamar ás persoas da miña contorna cando o precisaba. Pero os compañeiros son incribles.

Nuns poucos días pasaches de actuar en auditorios ou locais cos teus proxectos a facelo para dous millóns de espectadores, unha semana tras outra. Debe ser esgotador. Como o levabas?

Eu tomeimo como un agasallo, pero con responsabilidade. As persoas deciden invertir o seu tempo e o seu diñeiro en OT e merécense todas as nosas ganas, emocións e profesionalidade.

“a escolla dos temas era natural. cancións que forman parte da miña historia persoal e ás que lles podía sacar partido”

A túa maneira de concursar deixou unha impronta, mostrou personalidade. Desde a primeira nominación elixiches pezas en galego e descoñecidas para o gran público. Mesmo o son cubano ‘El Cuarto de Tula’ non é a canción máis popular de ‘Buena Vista Social Club’. Como facías as escollas? 

Simplemente escollía temas que eran importantes para min, que tiñan un significado na miña historia de vida, ademais de que musicalmente e vocalmente podía sacarlles partido.

Moita xente enganchouse a OT (mesmo detractores do programa) pola túa maneira de dar a coñecer a cultura galega nun espazo estatal de máxima audiencia. Houbo quen dixo que ninguén fixera máis por normalizar o uso do galego desde o Xabarín Club. Era, dalgún xeito, unha intención?

Non era o meu obxectivo, pero é algo que levo no sangue. Para min é natural. O respecto e o valor das culturas como un eixo de unión das persoas e non de sesgo.

E, nese senso, vas sendo consciente do que motivaches?

A verdade é que vou sendo consciente agora. Faime ilusión pero (en alusión á frase sobre o Xabarín) é un “galardón” moi grande.

“(que a consideren unha embaixadora da cultura galega) faime ilusión, pero é un galardón demasiado grande”

Tras elixir ‘Tris Tras’, a autora, Ugía Pedreira, explicou que a peza fora inspirada na serra da Gañidoira, preto de onde procede a túa familia. Sabías ese detalle?

Non coñecía esa situación, pero sorprendeume gratamente. Puiden falar un pouquiño con Ugía, pero falaremos máis seguro.

Como foi a experiencia no Palau Sant Jordi?

Indescritible. Saír a ese escenario é un subidón de enerxía que non che deixa durmir.

Que trae o futuro a curto/medio prazo?

Pois de momento non o sei, pero espero e traballarei para que traia moita música.

“o monte san roque de noite é o meu sitio favorito na mariña. ese lugar atrápame”

Vivindo fóra da bisbarra, nas Pontes e A Coruña, sempre estiveches no tecido asociativo a través dos Aturuxeiros. Que significa para ti a asociación?

É unha parte máis da miña vida. Loitar porque o rural, a cultura e a comunidade se manteñan vivos é un aspecto importante para a calidade de vida e a saúde da nosa sociedade.

Cal é o teu lugar favorito da Mariña?

O Monte San Roque de noite. Ese lugar atrápame.

Este venres recíbente en Bravos. Con ganas de volver á casiña?

Moitísimas. Ogallá poda darlle bicos a todo o mundo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...