InicioMovementos SociaisTowanda Rebels: "é nos clubs onde os rapaces exercen a violencia que...

Towanda Rebels: “é nos clubs onde os rapaces exercen a violencia que viron antes no porno”

As activistas ofrecerán este martes unha conferencia para alumnado dos centros educativos ribadenses e un relatorio aberto en Viveiro

Publicada o

- Advertisement -

As activistas do feminismo Towanda Rebels visitarán A Mariña Lucense para participar este martes en dúas conferencias, en Viveiro e Ribadeo.

O Concello de Ribadeo e mailo Centro de Información á Muller organizan a primeira delas, dirixida ao alumnado de cuarto da Eso do IES de Ribadeo e ao do primeiro curso de ciclos medios do CIFP Porta da Auga. O relatorio (12.00 horas, teatro) tratará sobre a violencia sexual e a pornografía.

No tocante á cita na Cidade do Landro (20.30 horas, consistorio), organizada polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade, as Towanda Rebels falarán da mercantilización do corpo da muller.

Coñecidas polas súas campañas audiovisuais en Youtube como #YoSiTeCreo ou #HolaPutero, Zúa Méndez e Teresa Lozano poñen o feminismo no centro do debate en redes sociais cunha comunicación directa. Agora, tamén o fan no papel co ensaio ‘#HolaGuerrera‘. Falamos con Lozano mentres viaxan cara A Mariña.

P. Con que obxectivos naceu Towanda Rebels?

R. Nos bebemos moito das redes sociais e foi a través delas que puidemos afondar no feminismo, que é unha teoría moral, social e política. Parece incrible, pero non recibimos nocións disto no currículo escolar nin tampouco en exceso na nosa formación universitaria (Lozano é xornalista, Méndez, humanista). Foi como se alguén borrase as pegadas.

“a través de youtube buscamos estimular o interese do público máis novo polas grandes autoras do feminismo”

Así que resolvimos transmitir a nosa visión do feminismo a través de contidos audiovisuais en Youtube, para chegar a un público máis novo e estimular o seu interese. A teoría feminista non se pode sintetizar nun vídeo de tres minutos, pero si que se pode ofrecer un contacto inmediato, estimular o interese por descubrir as grandes autoras desta teoría.

LINGUAXE

P. Fano cunha linguaxe moi directa, que non concede eufemismos, e apelando directamente aos propios homes, coma no vídeo #HolaPutero.

Sin faltar aos conceptos que consideramos chave do feminismo, queriamos utilizar unha linguaxe directa, menos académica, facernos entender por todo tipo de públicos.

A nosa forma de expresarnos ten tamén unha vertente política. Ás mulleres negóusenos a palabra en público, a arma do noso discurso. É a frase feita: “calada estás máis bonita”. Falar como nós o facemos resulta transgresor, é un sinal de rebeldía, contra ese furto.

E comprobamos que molesta: calquera que dubide de que existe o machismo ou da súa violencia pode dar unha volta pola nosa canle de Youtube: escriben auténticas barbaridades, mesmo ameazas, desde a impunidade que ofrecen as redes sociais. Ademais, xamais cuestionan o discurso, senón que van ao persoal. Á fin, consideramos que iso é representativo da sociedade na que vivimos.

“a nosa forma de expresarnos é política, porque ás mulleres roubóusenos a palabra. dicir o que pensamos aínda molesta”

Cal é a súa visión do feminismo?

Bebemos do feminismo radical, que considera o patriarcado como un sistema de opresión que perpetúa unha situación de subordinación da muller con respecto ao home. Aí están as etiquetas que se nos poñen nada máis nacer, de coidadoras, de ter que estar sempre sexualmente desexables…

Por outra banda, isto non afecta só ás mulleres, senón tamén aos homes, que teñen que profesar valores asociados á masculinidade, sobre todo relativas a ostentar poder. Se antes falabamos que o patriarcado negoulles ás mulleres a palabra, aos homes negoulles a empatía, a manifestación de emocións ou de vulnerabilidade, impúxolles unha masculinidade tóxica que non lles permite ser libres.

VENTRES DE ALQUILER

En Viveiro falarán da mercantilización do corpo, un tema que consideran chave.

Prostitución, pornografía e ventres de alquiler son cuestións fundamentais. Cremos que para acabar co patriarcado é preciso eliminar os espazos nos que as mulleres sexan tratadas como mercancía, cousificadas. A batalla do feminismo é que se deixe de considerar a muller como un medio e se a considere un fin en si mesmo.

Nos ventres de alquiler, a mal chamada xestación subrogada, danse tres tipos de opresión: de raza, de clase social e de xénero. É incrible que se fale neste tema de libre elección cando moitas destas mulleres se están a xogar poder comer ou pagarlle unha educación aos seus fillos, é incrible que se fale de altruismo cando hai xente que está a gañar moitísimo diñeiro con isto. Existe un turismo reprodutivo en auxe.

“a mal chamada xestación subrogada pon en perigo o dereito á filiación ou á interrupción do embarazo”

Os ventres de alquiler ameazan pelexas que custaron moito, como o dereito á interrupción do embarazo ou o dereito á filiación. Ao final somos vasixas, os nosos corpos están suxeitos á lei da oferta e da demanda, e non, non todo pode estar suxeito ao libre mercado.

PROSTITUCIÓN E PORNO

No tocante á prostitución e á pornografía, consideran que hai unha relación directa.

Seguimos a Ana de Miguel cando di que a pornografía e a prostitución son unha escola de desigualdade, na que se transmite unha doble verdade: por un lado están as compañeiras de instituto e por outro as rapazas dos vídeos e dos puticlubs. As industrias da prostitución e da pornografía converxen, en moitos casos son o mesmo. Os “puteros” créanse, creáse unha adicción que logo se satisface; é nos clubs onde os rapaces poden exercer a violencia e humillación que viron antes nos vídeos. É doado: se existe a prostitución, é porque hai quen a consume.

“o porno é a primera escola para moitos adolescentes a quenes nos colexios e institutos non se lles imparte educación sexual”

Se a iso lle sumas que o porno é para moitas persoas a primeira escola sexual que teñen, pois non se ofrece a suficiente educación sexual nos centros educativos, iso é un problema moi grave. Só lles aprende a poñer un condón e a ter medo a un embarazo non desexado, o que por suposto é básico. Hai que ensinar que unha relación sexual só é sá se hai desexo mutuo: o consentimento é unha palabra que se queda moi curta, as mulleres estamos fartas de consentir.

EDUCACIÓN SEXUAL

Neste senso, ofrecerán unha conferencia para alumnado adolescente en Ribadeo. Que importancia lle dan a estas actividades?

Levamos pouco tempo facéndoas, porque temos falado máis na universidade ou nos concellos. E dímonos conta de que é o máis importante e á vez o máis gratificante. Ao principio ves que están un pouco á defensiva, pero logo sóltanse. Nós falamos desde a nosa experiencia, aspiramos a eliminar as barreiras desde a sinceridade. E despois das charlas moitas rapazas cóntannos que sufriron violencia sexual, senón violacións, si abusos, tantas ás que lles custou a súa saúde mental e física a presión social por estar guapas. Iso está aí, non esaxeramos. As adolescentes carecen de ferramentas, hai que axudarlles a cuestionar o que lles ensinaron.

“hai moitas estudantes que nos contan que sufriron episodios de violencia sexual. iso esta aí, non esaxeramos”

8-M

Queda pouco máis dun mes para o 8-m. Que se acadou e que queda por facer?

O 8-m foi o ano pasado unha xornada moi emotiva e moi importante, podemos dicir que hai un antes e un despois. Pero temos que seguir pelexando para que non se converta nunha festa, para que siga tendo contido. O que máis botamos en falta é máis unión no movemento feminista, isto hai que recoñecelo. Estamos divididas.

“o feminismo está dividido. falta un consenso que nós pedimos sobre a abolición de calquera tipo de explotación sexual”

Falta un consenso sobre a pornografía, sobre a prostitución, sobre os ventres de alquiler. Nós negámonos a calquera tipo de explotación sexual. Iso debera ser incuestionable, e para iso traballamos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...