O Concello de Cervo declarou a caducidade da licenza urbanística do esquelete ubicado no castro da Atalaia que lle fora outorgada no seu momento a Promociones San Ciprián, S. L..
Este trámite ratifica que as obras iniciadas non poden continuar ao non existir ningún permiso en vigor que as ampare. Así, segundo explican desde o goberno local, a construción non está avalada por ningún título xuridíco-administrativo.
Ademais, o alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, anunciou que “xa iniciamos tamén os trámites administrativos para declarar a reposición da legalidade urbanística respecto á construción dese esquelete, no que se planificaron no seu día 42 vivendas”.
O rexedor apuntou que “o obxectivo non é outro que o de derrubar tanto esta construción, como o edificio de vivendas deshabitado que hai o carón e que leva máis de trinta anos construído”, para pór en valor o xacemento, inventariado por Patrimonio no ano 2007.
PLAN DE PROTECCIÓN
O Concello de Cervo xa redactou, ademais, un Plan Especial de Protección do Castro que delimita toda a zona afectada e regula a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superfie a preservar.
Ademais, fixa as normas xerais de urbanización e infraestruturas neste ámbito protexido, entre outos aspectos.