InicioMovementos SociaisConvocan unha manifestación o 28 de marzo en Burela pola recuperación da...

Convocan unha manifestación o 28 de marzo en Burela pola recuperación da área sanitaria

Cando se cumpre un ano da integración na EOXI, a plataforma insta a mobilizarse porque a comarca ten "peores servizos" tanto en atención primaria como no Hospital Público da Mariña

Publicada o

- Advertisement -

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convocará o xoves 28 de marzo unha manifestación en Burela para reclamar a recuperación da área sanitaria suprimida e a mellora dos servizos tanto en atención primaria coma no Hospital Público da Mariña.

A mobilización, baixo o lema ‘A Mariña pola sanidade pública: aquí, agora e sempre‘, partirá ás 19.30 horas do hospital para percorrer as rúas de Burela e rematar na Praza do Concello.

Os convocantes da protesta lembran que o 20 de marzo cumprirase un ano desde a aprobación da reforma da lei de saúde, que supuxo a supresión das áreas sanitarias da Mariña e Monforte, que foron asimiladas pola Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte.

HOSPITAL “MÁIS DEPENDENTE” DE LUGO

A plataforma sinala que as “promesas de máis e mellores servizos” por parte da Xunta de Galicia “non só non se cumpriron, senón que temos peor calidade asistencial”, tanto nunha atención primaria “en progresivo deterioro” como no Hospital Público da Mariña, “cada vez máis dependente da capital de provincia“.

O colectivo afirma que no tocante á atención hospitalaria, e “malia a potente obra de ampliación que se acometeu” e a “ilusión” espertada polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), “non se solventaron as eivas que consideramos imprescindibles”.

SEN RESONANCIAS FIXAS OU ENFERMERÍA ONCOLÓXICA

Así, a plataforma reclama resonancias fixas, densitometria ósea, e os medios para facer radiografías panorámicas dentais ou electromiografías. Ante estas carencias, advirte, “seguiremos a desprazarnos a Lugo e seguirase a derivar cara a privada, que fai caixa a costa dos fondos que desvía a sanidade pública”.

Os convocantes da manifestación esixen tamén a creación dunha consulta de enfermería oncolóxica no Hospital de día oncohematolóxico, recentemente trasladado á parte nova do centro hospitalario. A dotación dun servizo de cirurxía vascular é outra das demandas da plataforma.

A agrupación lamenta que o servizo de rehabilitación “conta cun déficit estrutural de fisioterapeutas“, malia que o Sergas contratou recentemente a dous profesionais “grazas á contestación social”.

Tamén a partir das protestas, resalta o colectivo, “dotouse a traumatoloxía e cirurxía cunha segunda enfermeira na quenda de noite”. 

A MARIÑA, SEN LOGOPEDAS

A plataforma tamén remarca que A Mariña Lucense carece neste momento de servizo de logopedia, tanto en Atención Temperáunha praza que o Concello de Burela está á espera de contratar desde novembro polo retraso na achega económica da Xunta– como para nenos e adultos, trala fin do concerto cunha clínica privada.

Aseguran que se suspendeu o servizo “sen dar explicacións e nalgúns casos con ata 20 sesións pendientes“, o que ao seu xuízo demostra demostra “un abandono total cara a poboación máis vulnerable”. 

Finalmente, para ilustrar que a ampliación non conlevou mellores servizos, sinala que o hospital segue a contar unicamente con “tres celadores na quenda de noite” para atender un complexo hospitalario que conta con 6.000 metros cadrados máis.

Os convocantes tamén denuncian a situación dos prematuros, derivados habitualmente a Lugo “cando no hospital poderiamos contar cun servizo suficiente para boa parte dos casos menos graves”.

ATENCIÓN PRIMARIA

No relativo á atención primaria, a plataforma sinala que non se respecta o ratio dun especialista médico por outro de enfermería, e destaca que “non se substitúen os profesionais de baixa ou con vacacións, o que provoca “longas listaxes de agarda”.

Como exemplo, o colectivo lembra a loita veciñal para que se cubrise a pediatra en Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros. Unha carencia que se repite no centro de saúde de Xove, cun servizo de pediatría de tres horas semanais ata o 20 de marzo, e tamén no de Ribadeo.

RECUPERAR “A XESTIÓN” DA SANIDADE PÚBLICA

“Ante esta situación, a plataforma fai un chamamento á poboación da Mariña para que se manifeste contra estas eivas e contra o feito de que tomen as decisións sobre a xestión da sanidade na bisbarra persoas que non coñecen a nosa realidade e que viven a máis de 100 quilómetros daquí“. 

“Só a contestación social masiva é capaz de mudar vontades políticas e de revertir as privatizacións xa efectuadas e impedir as que están na folla de ruta da Xunta de Alberto Núñez Feijóo“, conclúen.

ÚLTIMAS

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...

O servizo de recollida de residuos orgánicos comezará en Viveiro o día 18 de decembro

O Concello de Viveiro informa á cidadanía de que o vindeiro día 18 de...

O Concello de Ribadeo sinala que non subirá as taxas da auga e do lixo

Ribadeo non subirá o recibo da auga e do lixo. Así o asegura Marta...