Iniciosociedade"O polbo da pedra de Xove ten un olor característico que se...

“O polbo da pedra de Xove ten un olor característico que se nota ao cocelo”

A festa do octópodo, o vindeiro xoves, exalta un produto que chega aos mercados nos meses de marzo e abril, capturado pola frota de baixura nas augas próximas á costa xovense

Publicada o

- Advertisement -

Xove exalta este xoves o polbo da pedra cunhas xornadas gastronómicas nas que participan os locais de hostelería do municipio.

O cefalópodo é unha pesquería tradicional dos portos de Morás e Portocelo, coma do resto dos peiraos de baixura da Mariña Lucense. A actividade mantense durante case dez meses pero o polbo da pedra chega ao mercado nos meses de marzo e abril.

“MOITO MÁIS SABOROSO”

“No pleno inverno pescamos en costa aberta, pero nesta época collémolo pegado á costa. A base de alimentación dese polbo son os peixes e mariscos da ribeira, e iso faino moito máis saboroso”, explica Jose Antonio Fernández, “Toto”.

Polbo clasificado na lonxa para a súa venta. AXM

“Cando o levantas do mar e o sacas das nasas ten unhas tonalidades máis escuras que o da área, pero o polbo ten a capacidade de que, nada máis tocalo, cambia de cor, por iso, á vista, nos mercados, é difícil advertir a diferenza”, segue relatando o patrón do Serantes Otero.

O POLBO DA PEDRA PÉSCASE NAS AUGAS PRÓXIMAS Á COSTA, ONDE SE ALIMENTA a BASE DE PEIXE E MARISCOS

A súa é unha das cinco embarcacións que se dedican a esta especie en Xove. Apuran as últimas semanas de traballo antes de que comece a veda, desde a terceira semana de maio ata a primeira de xullo, a época de desove do polbo, que aproveitan para ir o percebe.

O oficio segue a ser o mesmo desde hai xeneracións. Os mariñeiros comezan a traballar coa primeira luz do día e, “se se dá ben”, volven a primeira hora da tarde.

“Unicamente se modernizaron os materiais cos que se fan as nasas, antigamente eran de madeira cunha rede de fío, que daba moito traballo reparar, agora son de ferro e materiais plásticos”, expón.

cinco barcos dedícanse a esta especie nos portos de morás e portocelo, cun oficio que é o mesmo desde hai xeneracións

“NON CHEGA A NADA”

Nos últimos tres anos, o prezo do polbo “disparouse”. “Subiu máis agora en tres anos do que levaba subido nos últimos vinte”, concreta o mariñeiro. Pero a frota de baixura é testemuña máis que actor no mercado global do polbo.

“Estase pescando menos do que se pescaba pero, en calquera caso, son miudeces se pensamos nas toneladas e toneladas dos barcos de arrastre que traballan no banco canario sahariano. O polbo galego non chega a nada. A maioría do que comemos é de fóra. O noso inflúe algo no prezo para a venda do día na lonxa, nada máis”, argumenta.

NOS ÚLTIMOS ANOS O PREZO DISPAROUSE, PERO A FROTA DE BAIXURA É TESTEMUÑA MÁIS QUE ACTOR DO MERCADO GLOBAL

Cada barco ten un cupo fixo de 40 quilogramos por día, máis 40 por tripulante enrolado, dous ou tres na maioría dos casos. As lonxas de Burela e Celeiro concentran a comercialización dos cefalópodos capturados polas nasas dos mariñeiros xovenses.

O Serantes Otero durante unha xornada de traballo no mar. AXM

A Festa do Polbo da Pedra e a Semana Santa fan que estas datas sexan as de maior demanda do produto a nivel local. “Os establementos compran pero tamén hai familias que fan comidas na casa”, expón Jose Luis Rodríguez, da Peixería Barreira.

“Como son as últimas semanas antes da veda, hai xente que compra en cantidade para conxelalo nos arcóns e telo na casa para o resto do ano”, engade. Nestes días, o polbo fresco véndese entre os dez e os 15 euros por quilo, dependendo do calibre.

“HAI FAMILIAS QUE O MERCAN PARA FACER COMIDAS NA CASA. TEN UN SABOR PROPIO”, DI O DONO DA PESCADERÍA BARREIRA

“O daquí ten un olor característico, que se nota xa ao cocelo. E un sabor tamén propio“, expón o peixeiro, que leva máis de tres décadas a fronte do negocio en Xove. “Antes iba máis xente coller a el, cando pescaba todo o mundo, pero agora cómprase moito máis na peixería”, indica.

Á FEIRA E Á PRANCHA, AS RECEITAS MÁIS POPULARES

A preparación á feira segue sendo a máis popular nas casas. “Tamén se fai moito á prancha. Para iso ten que ser un polbo grande, que dea para cortar os raxos en filetes. Para cocer, pode valer igual un máis pequeno”, aconsella.

Os establecementos de hostelería amplían cada edición da festa o abano de receitas. Este ano presentarán ata dez especialidades: en empanada, ao allo, á grella, en vinagreta, con queixo de San Simón, á mariñeira, con mollo de allo, en pizza ou revolcón.

Participarán nas xornadas Onde Sempre, A Fuga, O Cabaliño do Mar, O Cociña, Club Deportivo Palmeiro, A Roda, O Pepe, Centro Cívico, O Refugio e Pulpería Mario, coa ración a dez euros, agás as especialidades.

os asistentes á festa do polbo da pedra terán a oportunidade de probalo a dez euros e en dez especialidades

TAMÉN EN CONSERVA

A sona do polbo abriu tamén outras posibilidades de negocio. En 2012, comezou a súa andaina Currimar, unha firma de conservas artesás que apostou por este produto para diversificar a súa oferta.

“A empresa naceu co bonito como buque insignia pero ao rematar a campaña pensamos en facer máis produtos e apostamos polo polbo. Comezamos coas probas en 2013. Custounos atopar o punto de cocción, pero unha vez que demos cos parámetros adecuados non deixamos de producir e vender”, expón Nieves Medina, unha das fundadoras da conserveira ubicada no polígono industrial da Camba.

A conserveira artesá Currimar, ubicada en Xove, comercializa polbo nos mercados premium. “é moi valorado fóra de galicia”, aseguran

Ademais de polbo en aceite de oliva, venden fabas con polbo. Son especialidades avaladas polo selo PescadeRías da Consellería do Mar, que acredita a procedencia galega do produto.

“Partimos de materia prima da máxima calidade, polbos de máis de dous quilos. Xusto agora traballamos cunha partida adquirida en fresco porque estamos na mellor época para atopar exemplares dese calibre nas lonxas”, explica.

A pasada semana presentaron as conservas de polbo no prestixioso Salón Gourmets de Madrid, onde expoñen firmas premium. “É un produto que se valora especialmente fóra de Galicia“, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...