A Plataforma Pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denunciou este xoves retrasos e cancelacións na liña despois “duns meses de relativa tranquilidade”.
O colectivo sinala que este mércores suprimíronse os servizos Ferrol-Ribadeo-Ferrol das 10.45 horas e das 15.00 horas, con transporte alternativo por estrada, circulando o Oviedo-Ferrol da tarde, na zona galega, con retrasos de 40 minutos. Este xoves houbo problemas no tranvía de proximidade da zona de Ferrolterra.
A plataforma tamén advirte de que está a detectar “queixas reiteradas” dos usuarios do servizo diario Oviedo-Ferrol das 14.30 horas, que chega a Ribadeo desde Asturias con arredor de 30 minutos de retraso sobre o horario establecido.
“Isto conleva”, sinala a agrupación, “a afectación a outros servizos“. Así, explica o colectivo, “provoca que o cruce previsto co servizo Ferrol-Ribadeo das 19.05 horas, á altura de Ortigueira, se retrase outra media hora ata o final de traxecto na vila ribadense”.
UNIDADES AVARIADAS
O colectivo sinala que “ao longo deste xoves atopábanse dúas unidades avariadas na estación de Ribadeo, o cal mostra graficamente que volven os problemas co mantemento do material rodante“.
A plataforma di non entender “que durante uns cantos meses o servizo funcionase dunha
maneira aceptable, para agora, de súpeto, volver á senda dos terribles anos anteriores, con ducias de incidencias ao mes. Todo isto tendo en conta as promesas de solucións en forma de medidas inmediatas é a medio prazo que nos foron achegadas”, conclúe.