O Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana das Letras Galegas.
ALFOZ
A Tropa de Trapo continúa o vindeiro domingo en Alfoz a xira do espectáculo ‘Catro monos’, que está a levar os contos con valores a diversos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A actuación desenvolverase o 19 de maio ás 18.30 horas no salón de actos do centro sociocultural.
BURELA
A Praza da Mariña de Burela acollerá desde as 12.00 horas a concentración pola lingua convocada por de Queremos Galego!.
O sábado, a Coral Polifónica de Burela compartirá escenario coas de Mera e A Estrada (casa da cultura, 20.30 horas). O domingo, a cantante Andrea Pousa ofrecerá un concerto (casa da cultura, 19.30 horas) no que presentará o seu primeiro disco en solitario ‘Respirar‘. As entradas para asistir poderán adquirirse por cinco euros na billeteira dende as 18.30.
Tamén o sábado, os Cabaleiros Pena de Burela celebran a súa quinta Ruta Cabalar.
CERVO
En Cervo, a programación cultural concéntrase o venres, con diferentes propostas desde a media tarde.
A xornada arrancará cun acto en torno á figura do homenaxeado (Escolas Vellas, 18.00 horas) no que se abordará a súa vida e obra e no que intervirá o grupo de cantareiras Cordenaia. O grupo de teatro Calavera representará a obra ‘O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa‘.
Á noite, Sete meigas e un meigallo, Dambara e Misturos actuarán na Praza dos Campos de San Cibrao a partir das 21.00 horas.
O sábado, no café cultural A Sacabeira, en Sargadelos, o músico Fran Amil levará o espectáculo ‘Monstros (con ou sen consentimento)‘. A partir das 18.00 horas.
O domingo, Cervo reivindicará o Camiño do Mar cun roteiro que sairá de Sargadelos ás 10.30 para rematar en San Cibrao, ás 12.30.
FOZ
Comeza a romería do Bispo Santo de Foz, con verbena o venres e mailo sábado, e sesión vermú o domingo.
LOURENZÁ
O grupo de gaitas Cántigas e Frores de Lugo, percorrerá as rúas e os bares de Vilanova a partir do mediodía. Ás 19.30 horas, no salón de exposicións do Concello, lembrarase a figura e a obra do escritor homenaxeado nesta ocasión, Antón Fraguas. Rematarán os actos cun recital poético a cargo da laurentina Marina Oural, con poemas de Juana de Ibarbourou, escritora uruguaia con raíces en Lourenzá.
OUROL
O Día das Letras, os Aturuxeiros de Bravos convidan a coñecer a novela de Pepe Peinó, ‘A Fuxida‘. A presentación comezará ás 17.30, no local social. Haberá música con Rosino e exposición do artista gráfico Comeluz.
RIBADEO
Ribadeo celebra as Letras coa actuación (parque de San Francisco ou auditorio, se chove, 20.30 horas) do grupo musical A Banda da Loba, grupo formado por mulleres que interpretan repertorio propio e tamén musican poetas célebres e contemporáneos. Presentan o seu disco ‘Bailando as rúas‘.
Ao longo da fin de semana continuará o Ribadeo de Tapeo, con 45 creacións culinarias en miniatura, a 1,5 euros.
O sábado (20.30, teatro), a Banda Municipal de Música ofrecerá o seu concerto das Letras.
VIVEIRO
O venres, a Praza Maior de Viveiro acollerá as actuacións do grupo de danza e de gaita de Bágoas da Terra (12.00 horas) e o festival Música e Letras cun concerto da coral Alborada e a participación da libraría Porta da Vila (13.00 horas).
Tamén o venres, no salón multiusos do consistorio desde as 19.30, proxectarase o documental ‘Vigo 1972‘, premiado nos Mestre Mateo. Aborda un episodio de conflitividade social chave durante o franquismo. No coloquio posterior á proxección participarán o director, Roi Cagiao, e Xan María Castro, ex secretario xeral de CC OO.
O domingo, Viveiro acollerá o primeiro Campionato da Zona Norte de Pesca Submariña, proba clasificatoria para o Galego de apnea. Os participantes terán toda a mañá para pescar e a pesada das capturas farase no porto de Celeiro ás 16.30 horas. Organiza Mergullo Viveiro.
XOVE
Xove acollerá a Final Four da Copa Galega de fútbol gaélico, cos mellores equipos de Galicia. Os partidos, tanto na competición masculina como feminina, comezarán desde as 12.00 horas, e prevese que ás 17.00 se disputen as finais.
Tamén se presentará o equipo da Mariña Lucense que aspira a competir de xeito federado nesta especialidade, o Britonia.