InicioPolítica"Reducimos a débeda en catro millóns sen que minguasen os servizos sociais"

“Reducimos a débeda en catro millóns sen que minguasen os servizos sociais”

María Loureiro, do PSdeG-PSOE, aspira a revalidar a alcaldía de Viveiro cun equipo do que destaca "a súa accesibilidade" para a veciñanza

Publicada o

- Advertisement -

Licenciada en Dereito, María Loureiro (1981) entrou na política local da man do anterior rexedor de Viveiro, Melchor Roel, e tralo pasamento deste, en decembro do 2013, asumiu a tarefa de substituír na alcaldía a un referente político do socialismo mariñao. A primeira alcaldesa da historia do municipio aspira a que o 26 de maio os votantes lle renoven a confianza, como fixeron no 2015.

P. Que sensacións lle está a deixar a campaña?

Moi boas. Está a ser unha campaña moi intensa porque a necesidade de difundir o noso proxecto, o noso equipo e o noso programa mestúrase co traballo a nivel de goberno municipal, pois seguimos implicados ata o último día. Fixemos actos electorais e encontros coa veciñanza das parroquias e as sensacións son moi boas.

CANDIDATURA

P. Respecto do equipo, aínda que hai caras novas na súa candidatura, trátase principalmente dun proxecto de continuidade.

Todas as persoas que iniciamos este proxecto hai catro anos, todos os concelleiros do executivo socialista de Viveiro agás Isabel Rodríguez, actual subdelegada do Goberno central, repiten na nosa lista. Temos, ademais, incorporacións de xente válida para continuar con este plan outros catro anos máis. Estamos nun intre no que hai moitas crises internas nos partidos, con divisións, e para nós o feito de que repitan todos os nosos edís demostra unha continuidade e unha boa sintonía entre o noso equipo.

“que repitan todos os edís significa que hai boa sintonía e ganas de traballar nun momento no que os partidos se dividen”

A nosa candidatura reflicte a diversidade que hai en Viveiro, todos os sectores económicos, as parroquias, e está formada por unha mestura de xente nova e outra máis experimentada, todos con ganas de traballar por Viveiro.

Que destacaría do feito e da súa forma de gobernar durante esta lexislatura?

Foron catro anos intensos, nos que intentamos implicar en todos os asuntos relevantes para Viveiro a todos os voceiros das formacións políticas da corporación. Buscamos o consenso en todas as medidas que puidemos. Tamén creo que fomos un goberno municipal accesible, atento ás demandas da veciñanza e aos asuntos cotiáns. Temos xente que está dispoñible as 24 horas, que vive por e para o concello.

“tentamos ser un goberno de consenso, que implicou aos voceiros en todos os asuntos relevantes”

RETOS

Cales son os principais retos de Viveiro nos vindeiros catro anos?

Hai algunhas obras fundamentais para Viveiro nas que o Concello non ten competencias decisivas, pero polas que pelexamos para que se desbloqueasen. Unha delas é o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Tivemos con el varios atrancos, parada a súa tramitación en Patrimonio e Augas de Galicia. Pero creo que podemos dicir que o vindeiro alcalde ou alcaldesa de Viveiro poderá aprobar un plan xeral que está na fase final e que  é fundamental para o crecemento do municipio.

“o vindeiro alcalde ou alcaldesa poderá aprobar o pxom, que está na fase final grazas á insistencia deste goberno”

Outra é o saneamento da ría. O cambio do emisario vello é un problema de contaminación grave, o máis importante quizais que temos. Asinouse un convenio no 2016 coa Xunta de Galicia e é certo que non se cumpriron os prazos por parte do Goberno galego. É algo que nos preocupa moito e pelexamos porque se desbloquease.

DÉBEDA

A débeda de Viveiro marcou a axenda nas últimas lexislaturas e seguramente a seguirá a marcar no futuro. Cal é a situación económica actual?

Podemos demostrar con datos que reducimos a débeda de Viveiro en catro millóns de euros. Elaboramos un plan para conseguir isto e é un feito que o concello non se está a endebedar máis. Imos continuar cos obxectivos e directrices marcados polo Estado tanto de estabilidade, como de regra de gasto e morosidade.

“coa xunta apenas houbo convenios en dez anos. se é o goberno de todos os galegos, os viveirenses tamén pagan impostos”

Isto sen que supuxese minguar as partidas para cuestións fundamentais como os servizos sociais, porque o Concello de Viveiro é un dos que máis inviste na Mariña Lucense neste apartado. Aí están os programas de axuda a dependentes, xantar na Casa, Servizo de Axuda no Fogar, a teleasistencia. Todo malia as dificultades que afrontamos.

“BLOQUEO” DA XUNTA

É moi crítica coa Xunta de Galicia e acúsaa de bloquear a Viveiro.

Paréceme que non é vitimismo senón unha realidade, cando outros alcaldes da Mariña Lucense o recoñecen e mesmo os grupos da oposición municipal en Viveiro. Da Xunta só obtemos financiamento que nos corresponde por lei, non houbo case ningún convenio ao longo dos últimos dez anos.

Disto realizamos unha denuncia constante. De non ser pola insistencia do Concello non se realizaría a fase anterior de demolición dos galpóns do peirao vello, e tamén insistimos para que se derrubasen os últimos que faltan, cuxa obra parece que é inminente.

Agora acabamos de ver como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén á cidade a intentar chantaxear á veciñanza, asegurando que se sae alcalde o candidato do Partido Popular (PP) mellorará a estrada de Viveiro a Cabreiros. Se é verdade que a Xunta é de todos e Feijóo o presidente de todos os galegos, o lóxico é que invistan tamén aquí, porque a veciñanza de Viveiro tamén paga os seus impostos.

PROGRAMA

Que destaca do seu programa?

Todos os partidos temos proxectos ambiciosos, por suposto. Acabamos de acadar un compromiso por parte do Goberno central para a rexeneración da marxe dereita da ría, a fin de abrir Viveiro ao marEsta zona do peirao, que non ten actuación portuaria, está completamente abandonada e queremos avanzar nos trámites para que a Xunta traspase estas parcelas e a zona do Casino, que imos humanizar para dotar dunhas pistas deportivas no casco urbán.

“contamos co goberno para a rexeneración da marxe dereita da ría e abrir viveiro ao mar. pero do programa destacaría que é realista”

Pero sobre todo, destacaría que se trata dun programa realista. Queremos facer obras que faciliten á veciñanza o seu día a día. Obras coma o saneamento nas parroquias, como a mellora de vías, de alumeados, que poden parecer pequenas, pero que son esenciais para mellorar a calidade de vida das persoas.

TURISMO

Viveiro é unha referencia no norte de Galicia a nivel turístico, con citas de gran impacto económico. Que proxectos teñen para potenciar este sector? 

A nivel turístico, o cambio de trazado da autovía Transcantábrica afastou Viveiro, supuxo que haxa que vir a propósito. Que se habilite dunha vez a Vía de Alta Capacidade (VAC) Costa Norte é fundamental.

Todo o mundo sabe que temos dous piares turísticos, o Resurrection Fest ou a Semana Santa de Viveiro. Ningún destes eventos parte do Concello, xa que a dirección do Resu e a Xunta de Confrarías fan un traballo de organización encomiable. Pero si que recibiron o noso apoio, a nivel económico e tamén de promoción das dúas citas, e a mellor demostración é que cada ano teñen máis visitantes. O Resurrection xa foi unha clara aposta de Melchor Roel. En calquera caso, e malia os problemas nas comunicacións, a Viveiro xa non se vén só en tempada alta.

“resu e semana santa cada vez atraen máis visitantes, pero fixemos un esforzo por desestacionalizar o turismo cunha edil que ten máis de 20 anos de experiencia”

Nestes anos fixemos un traballo incesante, cunha edil de turismo que ten máis de 20 anos de experiencia neste ámbito, para tentar atraer visitas e desestacionalizar o turismo. Estivo presente en feiras e exposicións para ubicar o municipio máis alá das nosas fronteiras. Para o 8 de xuño, sen ir máis lonxe, organizamos unha visita guiada polo núcleo, un paseo pola ría e un xantar para uns 30 touroperadores de Portugal, Italia, Irlanda, Suíza, Alemaña, Estados Unidos ou Brasil.

Queremos que o Mercado Renacentista sexa recoñecido como Festa de Interese Turístico Galego, para o que desenvolveremos diversos actos culturais en torno a esta cita. Hai que ter en conta que o 50% da poboación de Viveiro traballa no sector servizos, polo que a potenciación de turismo é importante.

E cales son as propostas no tocante ao emprego?

Viveiro sofre as consecuencias da tardanza do polígono industrial de Landrove, despois de que se fixeran en épocas de bonanza outros nos municipios de ao lado. Veu no 2008 grazas a Melchor Roel, nunha época de crise. Tentamos que repunte, aínda que desde logo tamén temos que pelexar, e a iso van encamiñadas as políticas, por manter os postos de traballo.

Seguiremos a buscar financiamento das Administracións para a creación de emprego, e a partir da Deputación viñeron 260.000 euros que significaron 27 postos de traballo.

XUNQUEIRA

Un dos momentos máis duros para o municipio na lexislatura que está a piques de rematar foi a riada de Xunqueira, que deixou unha vítima mortal e desperfectos que se contan por decenas de miles de euros. Nas últimas semanas, o Concello e a Xunta atribuíronse a responsabilidade de que decidir obra facer para evitar outra traxedia. Cal é a proposta do partido socialista para o barrio?

A posición do Concello foi e debe ser unha postura de consenso, despois de reunións cos voceiros da corporación municipal, xuntanzas nas que participaron dos acordos tamén os membros do PP, como Antonio Bouza ou Celestino García.

“a nosa postura con xunqueira foi de consenso coas forzas políticas. a xunta debe implicarse na decisión e no financiamento”

Cremos que son os técnicos de Augas de Galicia quenes teñen que decidir que facer, tendo en conta, iso si que o queremos resaltar, as necesidades dos veciños, porque algúns deles son persoas con mobilidade reducida e que, con determinadas propostas, poderían ter dificultades para acceder ás súas casas, ou dispór de pouca marxe do caudal ás vivendas. Queremos que se lles dea audiencia. Tamén hai que contar con autorizacións de Patrimonio, pois na zona está o convento de Valdeflores.

A partir de aí o que podemos prometer é que loitaremos polo maior financiamento posible para recuperar o barrio e evitar que se volva inundar de novo. Xa o fixemos, por exemplo, para arranxar o muro do cemiterio, para o que a Deputación, a institución que sempre colabora co Concello de Viveiro, achegou 80.000 euros.

Como definiría o seu proxecto de goberno nunhas poucas palabras?

Pois que somos uns veciños máis, que vimos de comezar un proxecto de catro anos de desenvolvemento de Viveiro e que queremos continuar, e que levamos un programa realista, pensado para mellorar a vida da veciñanza.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...