Iniciosociedade"A maioría das enfermeiras eventuais non nos plantexamos ter fillos"

“A maioría das enfermeiras eventuais non nos plantexamos ter fillos”

As temporeiras denunciaron este luns en varios puntos da Mariña Lucense unha precariedade que dificulta a conciliación, provoca frustración laboral e mingua a calidade dos coidados

Publicada o

- Advertisement -

Tiveron que facer de actrices improvisadas para poñer a súa reivindicación no centro do escenario. As Enfermeiras Eventuais en Loita da Mariña Lucense denunciaron este luns en varios puntos da comarca a precariedade e inestabilidade laboral que, aseguran, afrontan durante anos e que non só converte as súas vidas nunha odisea e as frustra como profesionais, senón que tamén, remarcan, prexudica a calidade da sanidade pública.

En Burela, diante do Hospital Público da Mariña, cunha pancarta elocuente (“coida a quen te coida“), algunhas das profesionais tiraron de ironía para representar, sen atrezzo, escenas cotiás que revelan a súa situación laboral e vital: as chamadas para traballar durante dous ou tres días con incorporación inmediata, a penalización nas listas de contratación de rexeitaren contratos precarios, o difícil equilibrio entre maternidade e enfermería.

500 CONTRATOS EN NOVE ANOS

“O 95% das enfermeiras somos mulleres e a maioría das miñas compañeiras non se plantexa ter fillos“, expón Laura (nome ficticio pois así o prefire), unha das profesionais que se concentraron este luns en Burela. Grazas “aos avós” e a que é natural da Mariña Lucense pode criar a súa filla de seis meses, aínda que a axuda familiar non pode solventar algunhas dificultades. “Vai ir á gardería en setembro pero a día de hoxe non podo dicir en que horario“, explica.

O motivo? Unha inestabilidade laboral que lle impide planificar cuestións centrais na vida de calquera persoa. “Levo uns 500 contratos en nove anos“, expón, para agregar que a súa actual relación laboral no hospital “acabará o 30 de agosto. Despois, non sei que me vai deparar o futuro”, lamenta.

“NON QUEREMOS SER FICHAS DE DOMINÓ”

“Moitas veces chámante para traballar con tres ou catro horas de antelación“, remarca María José, de Mondoñedo, que sinala que a maternidade “é o máis difícil de conciliar, porque cando os dous membros da parella traballan e tes tan pouco tempo para organizarte, pasalo mal para buscar con quen deixalos, para deixar a comida e a roupa preparada. Os nenos non teñen quendas“, resume. “Non queremos ser fichas de dominó“, asegura Laura.

“DESDE OS 21 ANOS AOS 40” TRABALLANDO A DÍAS

As enfermeiras quéixanse de que en ocasión pasan máis de quince anos ata que acadan un posto fixo. “Pasámonos os anos da fertilidade, desde os 21 que saímos da carreira ata os 40 aproximadamente, traballando días soltos. Ter fillos é un risco porque moitas veces non podemos coller contratos por estar embarazadas ou porque non temos con quen deixar os nenos”, precisa.

INSEGURIDADE

Cando quedou embarazada, Tania tivo problemas de ciática e perdeu o seu contrato, que se renovaba semanalmente. “Ata que din a luz quedei sen cotizar, sen puntuar, sen nada”, indica, para matizar que “foi por embarazo pero puido ser por calquera outra enfermidade, porque é o que nos pasa”.

“No momento que quedas embarazada só che ofrecen contratos a uns poucos días”, asegura unha enfermeira ribadense, “porque a partir dunha determinada semana non podes subir a unha ambulancia ou facer unha reanimación cardiopulmonar“, indica.

INSATISFACCIÓN LABORAL

A precariedade tamén afecta ao grao de satisfacción laboral das profesionais. “Temos trinta e pico anos e xa estamos queimadas de andar dun lado para outro”, sinala Laura. Tania remarca que durante anos traballou “en consultas privadas” porque “non soportaba” o estrés “de estar cada día nun servizo”. O seu primeiro contrato foi un Nadal, 25 de decembro: “chamáronme ás 11.00 horas para traballar a partir das 11.30”, lembra.

Concentración en Viveiro. AXM

Tania salienta que a frustración laboral das enfermeiras eventuais é extensible ás súas compañeiras con contrato fixo, dado que “teñen unha sobrecarga de traballo porque deben facer o seu e tamén axudar á persoa novata, a atopar material ou a realizar unha técnica”, expón.

FALTA DE EXPERIENCIA

As enfermeiras insisten en que non só buscan melloras das súas condicións laborais e fan fincapé en que os principais prexudicados pola precariedade na sanidade pública son os pacientes. “Estamos aquí porque queremos defender unha sanidade pública de calidade, e para que así sexa ten que haber contratos de calidade“, argumenta María José.

“Eu quero que a poboación entenda que se traballo en sete servizos distintos no mesmo mes non podo coidar ben a ninguén. Non estamos preparadas e queremos estalo”, sostén Laura, que subliña que “quen está a pé de cama é unha enfemeira, no teu centro de saúde, quen te pincha a domicilio”, lembra.

O SERGAS NEGA QUE HAXA UN PROBLEMA

Que lle reclaman ao Servizo Galego de Saúde (Sergas)? “A fin da taxa de reposición e unha Oferta Pública de Emprego (OPE) con todas as prazas vacantes”, expón María José, que lembra que a última oposición da Xunta de Galicia ofertou 372 prazas de turno libre para 8.724 persoas. A cifra dá unha idea -pois o Goberno autonómico non facilita datos oficiais- da cantidade de enfermeiras galegas que viven pendentes do teléfono.

Pola súa banda, o Sergas presume de cifras que as profesionais negan. A Xunta sinala que entre 2013 e 2019 ofertou “1.519 prazas” e que “o 88%” das “11.000 profesionais de enfermería” que hai en Galicia “son persoal estable”.

Asegura tamén o Goberno galego que o ratio de enfermeiras de Galicia é de “4 por cada 1.000 habitantes”, unha cifra “superior á media do Sistema Nacional de Saúde, de 3,6”.

OFERTA DE EMPREGO “RIDÍCULA”

Na pasada primavera, a Xunta convocou outras 302 prazas. As enfermeiras cualifican de “ridícula” a cantidade, “comparada coa necesidade ou co que sabemos que hai vacante. Porque nos traslados internos saíron máis de 2.000 prazas e iso significa que son postos de persoas fixas que están sen cubrir. Por que non saen na vindeira OPE?”, pregunta María José, que sinala que “aí é a onde imos”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...