O Concello de Viveiro anunciou este xoves que remitiu á Axencia Galega de Infraestruras (AXI) unha copia do informe emitido polo Xefe da Policía Local co obxecto de mellorar a seguridade vial da estrada LU-102 ao seu paso pola zona do Pirixel, “tras queixas veciñais suscitadas a esa xefatura”.
Segundo expón o goberno municipal viveirense, a zona na que se considera necesario mellorar a seguridade vial “é a identificada como punto quilométrico 0,670, no que se configura unha única plataforma con dous carrís de circulación separados por liña lonxitudinal continua, ao igual que a delimitación de borde. É un tramo de curva pronunciada á dereita con posterior pendente ascendente en tramo sinuoso de curvas e paso por debaixo dunha ponte de ferrocarril”, indica o executivo local.
Na marxe dereita, segundo sentido quilométrico, hai un talude elevado e no esquerdo, un desnivel en forma de terraplén pronunciado con vivendas na parte inferior. No carril de sentido decrecente presenta bandas de alerta de reducción de velocidade antes da curva.
Deste xeito, alertan desde o Concello, unha posible saída de vía dun vehículo que circulase en sentido decrecente polo punto indicado, provocaría o desprendimento deste por un terraplén de altura considerable hacia a liña de edificacións.
A medida de sinalización proposta é a instalación de barreiras de seguridade, tipo bionda de dobre protección, no tramo indicado. Deste xeito, o Concello reclama á Administración autonómica, como titular do vial, as “medidas oportunas” na “maior brevidade posible”.
ZONA DE ALTA SINIESTRALIDADE
A estrada do Pirixel, que supón un acceso alternativo á LU-862 para o núcleo de Viveiro desde Celeiro, é unha vía de abundante tránsito e na que nos últimos anos documentouse un aumento da siniestralidade. O mencionado punto quilómetrico enmárcase na zona máis perigosa, con 14 incidentes entre 2013 e 2018.
A principios deste ano, a Xunta de Galicia executou obras de instalación de resaltos termoplásticos e pasos sobreelevados.