IniciosociedadeCervo inicia os trámites para demoler os esqueletes de Galdín

Cervo inicia os trámites para demoler os esqueletes de Galdín

O Concello comeza a tramitación para declarar a caducidade das licenzas urbanísticas das dúas estruturas da Avenida Bellavista, concedidas en 2006 e 2007

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo emitiu un comunicado no que anunciou o inicio dos trámites para declarar a caducidade das licenzas urbanísticas dos dous esqueletes que están ubicados na Avenida Bellavista, na zona da Galdín en San Cibrao, que lle foran outorgadas no seu momento a Construcciones Os Molineros S. L. e á Inmobiliaria Pasillo Verde S. L., respectivamente, entre os anos 2006 e 2007.

O ente municipal expón que puido comezar este proceso logo de reunir a comezos deste mes os correspondentes informes dos servizos da Policía Local e da oficina técnica “que ratifican que non hai ningún tipo de actividade nestas edificacións desde hai moito tempo”.

Este procedemento é a forma legal que ratifica que as obras iniciadas non poden continuar ao non existir ningún permiso en vigor que as ampare; as construcións, unha vez chegue a termo este trámite, xa non estarían avaladas por ningún título xurídico-administrativo.

ANOS SEN ACTIVIDADE E COS PRAZOS VENCIDOS

A licenza urbanística do esqueleto de Pasillo Verde foi concedida con polémica entre o goberno popular e a oposición no ano 2006-2007, e conta cun total de 60.0145 m2, distribuídos en dúas plantas soto, seis plantas altas y baixo cuberta. O prazo de finalización establecido era de seis anos, que foron incumpridos amplamente, xa que o edificio tiña que estar rematado en 2012.

A licenza urbanística da edificación dos Molineros foi concedida no ano 2006, e amparaba a realización da construción dun edificio de 180 vivendas, garaxes e rochos; nun total de 22.926 m2. O prazo de finalización fixado era de 3 anos, tendo que ter finalizado no 2009, polo que tal e como reflicten os informes pertinentes, incumpríronse amplamente os prazos.

Este procedemento súmase ao que xa está en marcha na zona da Atalaia, para derrubar o edificio de vivendas que leva máis de trinta anos construído e sen habitar; e o esqueleto no que se planificaran no seu día a construción de 42 vivendas, e que nunca chegou a edificarse.

MOTIVOS “DE SEGURIDADE E ORNATO PÚBLICO”

O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, asegurou que “estamos a dar pasos importantes” para lograr un obxectivo que “é fundamental para este goberno” e que pasa porque os propietarios ou ben “rematen as construcións que deixaron inacabadas, ou ben devolvan os terreos ao seu estado orixinal, o que supón o derrube destas edificacións que quedaron inconclusas no noso termo municipal”.

O Concello de Cervo “está a traballar arreo para tentar acabar con todas estas estruturas pensando en todos os cervenses”, sostivo Villares, “e tamén loxicamente por motivos de seguridade e ornato público“. É un proceso que, argumentou o rexedor, “é complexo, pero estamos a dar os pasos precisos, sen demora, para conseguir eliminar todos estes esqueletos do noso municipio”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...