
O Concello de Cervo iniciou o procedemento para declarar en ruína económica o edificio deshabitado do castro da Atalaia, que leva máis de trinta anos construído.
O trámite permitirá a demolición do inmoble, unha das actuacións recollidas no plan elaborado polo concello para preservar e poñer en valor o xacemento.
O alcalde, Alfonso Villares, explicou que o expediente se iniciou despois de documentar con informes técnicos e policiais o mal estado do edificio. A declaración de ruína económica require acreditar que o custo de rehabilitar a edificación supera a metade do valor de levantala de novo.
UN MES PARA PRESENTAR ALEGACIÓNS
Os propietarios -varios- teñen agora o prazo dun mes para presentar alegacións ao procedemento. O rexedor cervense aclarou que o goberno local “leva tempo en contacto cos titulares” aos que instou a presentar alternativas, sen obter resposta.
“Vemos que os meses pasan e, basicamente, por motivos de seguridade e ornato público, o Concello non pode esperar máis”, argumentou.
De concluír o prazo sen que se presenten alegacións, ordenaríase aos propietarios a demolición do edificio. O Concello tería garantida a potestade para actuar subsidiariamente no caso de que os donos non actuasen.
DEMOLICIÓN DO ESQUELETO
O edificio está ubicado a carón dun esqueleto no que se planificara a construción de 42 vivendas. Despois de declarar a caducidade da licenza de obras concedida a Promociones San Ciprián S.L., o pasado mes de febreiro, o Concello anunciou o inicio do procedemento para derruír a estrutura, aínda en trámite.
“Estamos agardando que se esgote o prazo para que se presenten as alegacións corresponentes”, indicou Alfonso Villares que insistiu en remarcar que a demolición das construcións é “un obxectivo prioritario” do equipo de goberno.
POSTA EN VALOR DO CASTRO DA ATALAIA
Paralelamente, tramítase a aprobación definitiva do Plan de Protección Especial do Castro da Atalaia. O documento establece o marco para preservar o xacemento, inventariado por Patrimonio en 2007.
O proxecto delimita a superficie protexida, 20.000 metros cadrados, e sinala as actuacións a levar a cabo para a súa recuperación e rehabilitación.
O goberno local aspira a expropiar ou adquirir as parcelas nas que se ubica e a realizar unha intervención arqueolóxica para poñer en valor o conxunto cuxa primeira ocupación se data entre o século I antes de Cristo e o II d. C.