InicioEconomíaO Goberno di que o estatuto das electrointensivas é "o único posible"...

O Goberno di que o estatuto das electrointensivas é “o único posible” e que rebaixará o MW/h “a 40-42 euros”

O Executivo compromete 262 millóns para a gran industria, entre compensacións por emisións indirectas de CO2 e bonificacións de ata o 85% dos cargos de renovables

Publicada o

- Advertisement -

O Real Decreto do estatuto do consumidor electrointensivo, cuxo borrador iniciará este martes o seu período de consulta co obxectivo de que vexa a luz no mes de marzo, logo de case un ano de espera polo sector, garantirá á gran industria, como principal novidade, unha nova partida de 90 millóns de euros para compensar os cargos na súa factura eléctrica destinados a financiar as renovables, coxeneración de alta eficiencia e extracusto de territorios non peninsulares.

Así mesmo, incorpora a creación dun mecanismo de cobertura para o impulso dos contratos bilaterais de compraventa de enerxía a longo prazo (‘PPA‘, polas súas siglas en inglés), co obxectivo de abaratar os custos enerxéticos dos grandes consumidores.

Esta partida de 90 millóns de euros complementará a compensación polas emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), que ascende actualmente a uns 172 millóns de euros en 2019 tras ampliarse no último exercicio, e que segundo o Executivo central se manterá dentro das medidas do novo estatuto.

En concreto, esta nova compensación para os consumidores electrointensivos será por ata o 85% do sobrecusto pola retribución ás renovables (primas), que correrá con cargo aos orzamentos do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

O borrador, que establece as bases para a súa concesión, fixa un mecanismo transitorio para calcular o importe de cargos que está pagando de forma efectiva cada consumidor e así poder compensarllos, en tanto se fixan os cargos da factura eléctrica.

A rebaixa do prezo da enerxía eléctrica é unha demanda de Alcoa, que afirmou que a planta de aluminio primario de San Cibrao, altamente dependente da luz, “é inviable” co actual prezo da electricidade. Nun contexto de plan de axuste a nivel global, con previsión de peche de fábricas, a afirmación da empresa fai temer aos traballadores polo emprego.

A DOTACIÓN, “CONDICIONADA” AOS PGE

Nun encontro coa prensa, fontes do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico indicaron que a dotación total que se garante á gran industria, que está, iso si, condicionada á aprobación duns novos Orzamentos Xerais do Estado (PGE), será “superior” á que había ata agora.

Os orzamentos actuais recoñecen esa partida de 172 millóns de euros en compensación polas emisións de CO2, unha cifra que ata podería ser superior tamén só neste apartado debido ao incremento a futuro no prezo do dióxido de carbono.

Iso si, as fontes gobernamentais advertiron de que esta proposta de estatuto, que así superaría as posibles trabas por parte de Bruxelas, é “a mellor” e “única posible. Levamos máis de ano e medio traballando, e tras unha longa negociación, especialmente a nivel comunitario, o resultado final é o único posible. O que nos permite levar ao máximo o marco comunitario é o que está aquí”, sinalaron.

PPA’s

Pola súa parte, o mecanismo de cobertura para facilitar que a gran industria peche ‘PPAs’ a longo prazo de renovables será realizado a través da Compañía Española de Seguros de Crédito á Exportación (CESCE), organismo do Estado que cubrirá o risco da operación a través de garantías.

As fontes do Executivo consideraron que con esta medida búscase “axilizar” un mercado como o dos ‘PPA’s’ coa gran industria, que non se está movendo “como sería desexable nun país como España”.

Con esta batería de medidas que contempla o novo estatuto, que se mantiña aparcado desde fai máis dun ano despois de que non recibise o visto bo da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) e se vise ameazado por Bruxelas ante a posibilidade de que as partidas fosen consideradas como axudas de Estado, o Goberno espera “deixar de poñer parches” a curto prazo para o sector e definir un marco “que sexa sostible no tempo, cunhas medidas rigorosas que abarcan o que nos permite Bruxelas”.

Así mesmo, esperan que, tal e como pide a gran industria, se garanta un marco que permita unha evolución dos prezos da enerxía en convergencia con outros países da contorna, como Francia ou Alemaña.

A este respecto, estiman que a actual contorna de prezos da enerxía á baixa coa entrada cada vez máis das renovables, cunha cotización a futuro de entre 40 e 42 euros por MWh para este exercicio –o segundo dato máis baixo desde 2010-, tamén axudará a estreitar ese diferencial de prezos con estes países competidores.

FIN Á INTERROMPIBILIDADE TAL E COMO SE CONCEBÍA

Co que si que se poñerá prácticamente fin será co sistema de interrompibilidade, polo menos tal e como estaba concibido no pasado, como un mecanismo ao que acudían os grandes consumidores como compensación.

Fontes do Executivo precisaron que agora haberá que ver cal é o seu deseño a curto prazo e como se fan “máis áxiles”, pero xa non serán compensacións para as electrointensivas, senón un mecanismo de xestión da demanda, sendo así “acorde co que establece a Comisión Europea“. “Dependerá da cantidade que se poxe e do proceso competitivo”, engadiron.

Neste sentido, Alcoa queda sen un dos mecanismos utilizados polo Estado -e cuestionados pola Unión Europea– para aliviar o prezo da luz. E dos máis suculentos, pois calcúlase que a multinacional quitaba un beneficio duns 70 millóns de euros anuais das poxas (máis arredor de 25 por compensacións de emisións indirectas de CO2), ata que na última subasta o Goberno central reduciu drasticamente a cantidade de potencia interrompible a subastar, fragmentándoa ao eliminar os lotes máis grandes, e tamén rebaixou os prezos de saída, o que favoreceu a competencia das pequenas empresas e minguou os réditos obtidos pola compañía radicada en Pittsburgh. Por iso, resultará difícil que a alumineira vexa con bos ollos o documento presentado polo Goberno, xa que as cantidades percibidas reduciranse notablemente.

PERÍODO DE CONSULTAS DESDE O MARTES

Este Real Decreto, que abre agora o seu periodo de consultas públicas e posteriormente pasará polo Consello de Estado en trámite de urxencia para ser levado, previsiblemente, ao Consello de Ministros en torno a un prazo de mes, diríxese a unhas 600 empresas que cumpren cos requisitos para iso (consumo eléctrico mínimo anual de 1 GWh ao ano, intensidade energética maior de 1,5 kWh/euro, polo menos o 50% do consumo en hora vale e pertencer a sectores industriais beneficiarios de axudas en materia de enerxía e clima), cuxo consumo representa o 17% da demanda nacional.

OBRIGAS PARA AS EMPRESAS

No entanto, para poder beneficiarse destas axudas, as empresas tamén deberán cumprir cunha serie de obrigas, entre as que figura ter que contratar a prazo (polo menos cinco anos) un 10% do seu consumo anual unha vez o fondo sexa posto en marcha.

Ademais, deberán implantar un sistema de xestión da enerxía auditado e certificado, e aquelas empresas que xa están obrigadas pola normativa vixente a implementalo terán que acometer obrigatoriamente cada catro anos aquelas actuacións de eficiencia enerxética que, de acordo coas auditorías obrigatorias, fosen recuperables en tres anos ou menos.

Así mesmo, mantéñense as obrigas sobre o mantemento do emprego e da súa actividade produtiva para as empresas que se beneficien das axudas xa establecidas no Real Decreto-Lei de medidas urxentes de decembro de 2018.

CC OO LEMBRA QUE O FUNDAMENTAL “É O EMPREGO”  E ALCOA GARDA SILENCIO

O Goberno anunciou as medidas do estatuto das electrointensivas aos sindicatos e tamén á Asociación de Empresas de Gran Consumo de Enerxía (Aege). Comisións Obreiras (CC OO) emitiu un comunicado no que expuxo que agardará á publicación do documento, este martes, para facer unha valoración con detalle, posto que “non se concretaron aspectos que a esta central lle parecen fundamentais, como o mantemento do emprego”.

Con todo, CC OO considera que “se poderían aplicar no sector máis medidas” das dispostas. “O obxectivo é evitar peches”, afirmou a central, “e expedientes de regulación de emprego polo alto custe da enerxía. Débense baixar os custos para garantir emprego de calidade”, expuxo o sindicato.

Pola súa banda, fontes de Alcoa non se pronunciaron sobre o documento, á espera da súa exposición pública.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...