IniciosociedadeO comité pide a Xunta e Goberno apoiar "investimentos estratéxicos" na planta...

O comité pide a Xunta e Goberno apoiar “investimentos estratéxicos” na planta a cambio de manter o emprego

Insta ao Executivo a retomar o estatuto e solicita ás Administracións favorecer a introducción do gas na planta de aluminio ou a ampliación do sistema DBR en alúmina 

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa de Alcoa reclamou este xoves ás Administracións “protección e apoio para investimentos estratéxicos” no complexo industrial de San Cibrao e especialmente a planta de aluminio, ameazada de peche pola multinacional e onde a compañía renuncia a continuar coas tarefas de rebrascaxe, polo que perderá mensualmente entre cinco e sete cubas de electrolise. Os sindicatos reclaman a cambio á dirección “un plan de viabilidade” que supoña manter o emprego.

Favorecer a introducción do gas na planta de aluminio ou a ampliación do sistema DBR en alúmina son algunhas das reclamacións do comité, que condiciona estes apoios a “investimentos” por parte da empresa que dean “certeza” e supoñan o mantemento do emprego “tanto na planta principal como nas contratistas”.

A XUNTA PROMETE “UN 30%” DA INTRODUCCIÓN DO GAS

Segundo expuxeron as centrais sindicais, o conselleiro de Economía, Industria e Emprego, Francisco Conde, comprometeu un investimento “do 30%” no tocante á introducción do gas se Alcoa a solicita “antes de final de ano”. Esta obra, indica o comité, suporía “a creación de postos de traballo para a súa instalación e melloras en medioambiente e produto final”. Acorde coa versión do comité, pois a Xunta de Galicia non se referiu a este punto no seu comunicado de prensa sobre a reunión telemática mantida, esta axuda iría vinculada a “levantar as medidas tomadas na rebrascaxe”.

Os sindicatos demandan que se retome o estatuto das empresas electrointensivas, considerado chave para ofrecer un marco enerxético “competitivo e estable” para Alcoa e garantir a súa viabilidade, toda vez que a crise económica que trouxo o coronavirus provocou o desplome do prezo da electricidade. Unha baixada, argumenta a multinacional, que “non amortigua a caída do prezo do aluminio e da demanda” do mesmo, motivos que argumenta para negarse a reparar as cubas que cheguen á fin da súa vida útil.

O comité reclama “protección” para os sectores industriais considerados esenciais e “diálogo” para paralizar a decisión da empresa e, en consecuencia, os Ertes anunciados en Reymogasa e Cyrgasa a raíz da mesma, que afectarían a 43 empregados.

O COMITÉ DE CRYGASA PREVÉ QUE SE LLE PRESENTE UN ERTE DE FORZA MAIOR

Os comités das dúas auxiliares afectadas polo recorte comezarán as negociacións coas empresas dos Ertes anunciados a principios da vindeira semana. Por agora, apenas houbo notificacións oficiais por parte Reymogasa e Cyrgasa, máis que para convocar a mesa negociadora.

“Por agora descoñecemos cal é a proposta da empresa, pero a documentación que temos alude ao Covid-19, polo que pensamos que podería presentar un Erte de forza maior. Pero por agora son especulacións e queremos saber con detalle que fai facer”, expón o presidente do comité de Cyrgasa, Diego Fernández.

UNANIMIDADE PARA RENUNCIAR ÁS HORAS EXTRAS

Fernández explica que comezou xa unha primeira medida de presión, a de non realizar horas extras, que solicitara a coordinadora de auxiliares de Alcoa, unha protesta que colleitou “a unanimidade” entre o persoal de Cyrgasa.

CINCO DÍAS PARA CONFORMAR A MESA E SETE PARA NEGOCIAR

En Reymogasa tamén traballan na conformación dos integrantes da mesa negociadora, o que “non está a ser doado” polas restriccións ao movemento das persoas, explica o comité. O presidente, Javier Prado, espera que “entre luns e martes” se comece a negociar o expediente, sobre o que por agora “non temos novas”.

Desde a notificación, ambas as empresas teñen un prazo de cinco días para iniciar as negociacións e en diante outros sete días para chegar a un acordo.

O BNG COMPROMETE INICIATIVAS EN SANTIAGO E MADRID

Por outra banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, xunto ao deputado no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, e a deputada e viceportavoz, Olalla Rodil, mantiveron outra reunión telemática.

Pontón comprometeuse a que o BNG presentará iniciativas, tanto no Parlamento galego como no Congreso, destinadas a impedir que sexa paralizada “parte da actividade” da empresa en San Cibrao e garantir os postos de traballo.

A portavoz nacionalista cualificou de “vergoñento” o comportamento de Alcoa e considerou a paralización das tarefas de rebrascaxe “o primeiro paso” para un futuro desmantelamento  en parte da actividade  da factoría.

A nacionalista recalcou que a dirección debe rectificar, ao deber “un compromiso social” coa Mariña Lucense, e volveu a reclamar da Xunta e do Goberno central “medidas urxentes” que impidan parar a actividade, garantir os postos de traballo e un plan de futuro para a factoría. “Non podemos consentir que desaparezan sectores claves para a nosa economía”, xulgou.

SEN POSITIVOS

No tocante á seguridade no complexo industrial con respecto ao coronavirus, o comité explica que “o único positivo da planta foi dado de alta e non se produciron novos casos de persoal que precisase corentena, polo que a cifra destes traballadores descendeu a tres. Tampouco hai incidencias nas empresas exteriores”, indicou.

Con todo, reclama á multinacional a realización de tests e a implantación da medición de temperatura con cámaras termográficas, que xa se está a aplicar nas auxiliares.

Ademais, piden que se concedan os cambios de quenda e que se manteña a eliminación de horas extras.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...