InicioEconomíaAta dez empresas auxiliares teñen o 100% dos seus contratos na fábrica...

Ata dez empresas auxiliares teñen o 100% dos seus contratos na fábrica de aluminio

Os sindicatos das contratistas prevén, de confirmarse o despedimento colectivo, un impacto no emprego de alomenos 300 traballadores

Publicada o

- Advertisement -

O despedimento colectivo na planta de aluminio proposto na mañá deste venres por Alcoa nas reunións mantidas cos comités de San Cibrao e europeo xerou incerteza nas empresas auxiliares, dada a afectación que podería ter o recorte da produción non só no persoal fixo da fábrica, cunha previsión de 534 despedimentos dun total de 633 obreiros, senón tamén nas contratistas.

Fontes sindicais aseguraron que, segundo a propia previsión exposta pola empresa, o recorte anunciado afectaría a un total de 150 traballadores de empresas auxiliares, o que a coordinadora que aglutina a representación sindical das contratistas cuestiona. “Non sabemos canto do noso tecido pode verse implicado, pero se se pecha aluminio e só se mantén esa parte de fundición, esa estimación queda curta“, expón o voceiro da plataforma, Quique Rocha.

“ABOCADAS AO PECHE”

A coordinadora reúne a representación sindical en ReymogasaCotelsaCyrgasaTerpilJofrasaNogueraIndustrias XovePasek, GarmilMaesa e IsotrónRodabellMecanizados RodabellMontaxes RodabellSaur XoveTalleres NogueraMaycoSertosa NorteDominionDaorje, TecresaMantenimientos Mafer e Recalnor.

Destas empresas, Cotelsa, Reymogasa, Rodabell S. A. e Montajes Rodabell, Industrias Xove, Noguera, Jofrasa, Mayco, Tecresa e Pasek teñen “o 100%” dos seus contratos con Alcoa na planta de aluminio, o que abocaría a todas estas firmas practicamente ao peche. A coordinadora estima que estas auxiliares xuntan entre todas “arredor de 300 traballadores“.

OUTRAS EMPRESAS, CON PARTE DAS TAREFAS EN ALÚMINA E PARTE NA FACTORÍA AFECTADA

A isto habería que sumar o impacto nas empresas que teñen contratos tanto na planta de alúmina como de aluminio, o que podería aumentar a cifra en máis dun centenar de obreiros.

Só algunhas empresas, como Dominion, teñen traballos unicamente en alúmina, “polo que en principio entendemos que non estarán afectadas, pero está todo no aire posto que non sabemos como vai recolocar Alcoa o persoal”. Deste xeito, se a multinacional reubica empregados noutras tarefas, as auxiliares poderían verse afectadas no emprego.

GOLPEADAS POR ERTEs TRALA NEGATIVA DA MULTINACIONAL A CAMBIAR AS CUBAS

Algunhas das empresas, como Reymogasa ou Cyrgasa, recibiron semanas atrás un duro golpe. Nestas auxiliares sináronse Expedientes de Regulamento Temporal de Emprego (Ertes) que supuxeron a suspensión de 33 e 12 contratos, respectivamente, trala negativa de Alcoa a cambiar cubas, o que supón perder a maquinaria de electrolise que chega á fin da súa vida útil. En Rodabell aplicouse un calendario vacacional rotativo para evitar que cesasen oito persoas.

No caso de Reymogasa, pasou en menos dun ano de ter 140 a uns 40 empregados, dado que antes do Erte padeceu a subrogación de 65 obreiros a Dominion ao perder o contrato de mantemento mecánico no departamento de xestión de alúmina.

“FRONTE COMÚN” CO COMITÉ

A coordinadora solicitará unha reunión de urxencia co comité de Alcoa para manifestarlle o seu apoio e comezar “unha loita en común“, a “única vía posible para acadar unha solución a isto”. A condición que pide a plataforma para sumarse “é que se escoiten as nosas propostas“, remarca.

Os sindicatos das auxiliares ven “a nacionalización” como única opción viable, dado que unha posible venda, de negarse Alcoa a reconsiderar o despedimento colectivo, fai planear sobre a fábrica a sombra dos fondos voitre. “Vendo a situación da Coruña e Avilés, con dous fondos investidores que non melloran a situación senón que a agravan, a loita pasa por reclamar a intervención”, conclúen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...